Ternera Gallega conmemora os seus primeiros vinte anos
No marco da celebración do seu vinte aniversario, a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega reuniu, no Hostal dos Reis Católicos, a máis de 250 asistentes vinculados co sector agroalimentario galego e estatal para conmemorar as dúas décadas de traxectoria da Denominación. O acto, presidido polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, contou ademais coa presenza do alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, do conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, entre outras destacadas personalidades do mundo político, universitario e empresarial.
A Indicación Xeográfica Protexida reuniu no Hostal dos Reis Católicos en Santiago a máis de 250 persoas, nun acto institucional presidido por Alberto Núñez Feijóo.
A Denominación recoñeceu a colaboración e o apoio de personalidades e entidades da Administración e do sector agroalimentario, coa entrega de insignias e placas honoríficas.
O presidente de Ternera Gallega, Jesús González Vázquez, aludiu na súa intervención ao posicionamento de Ternera Gallega no mercado como a carne de vacún por excelencia.
Durante o evento, que comezou coa actuación do orfeón “Caixa Galicia Terra A Nosa”, proxectouse un audiovisual sobre as dúas décadas de actividade da IXP, e entregouse a todos os asistentes o libro “Ternera Gallega, 20 anos” que fai un percorrido pola evolución da Denominación ao longo destes anos.
Recoñecementos
Así mesmo, tivo lugar a entrega das Distincións de Ternera Gallega nos ámbitos da Administración pública, do sector agrogandeiro, da Universidade, dos medios de comunicación, da restauración e das asociacións de consumidores, que contribuíron co seu apoio, colaboración e compromiso á consolidación e proxección social de Ternera Gallega.
As insignias de Ternera Gallega, no seu XX aniversario, concedéronselle a: Alberto Núñez Feijóo, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, Samuel Juárez Casado, Emilio Pérez Touriño, Juan Miguel Diz Guedes, José Antonio Santiso Miramontes, Alfredo Suárez Canal, Enrique Pantín Chao, Crescencio Rodríguez Epelde, Víctor Tello Calvo, Secundino Grobas Mosquera, Xosé Manuel Puga González, Concepción Canedo Barreiro, José González Solla, José Martínez Vidal, Juan Carlos Ulla Otero, Roberto López Sueiro e Alberto Vázquez Pérez.
E as placas outorgáronselle ás seguintes entidades: Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos, da Universidade de Santiago de Compostela-Campus de Lugo; Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; Centro Superior de Hostalería de Galicia; Asociación Galega de Cooperativas Agrarias-AGACA; Programas O Agro e Labranza, da Televisión de Galicia; as cooperativas agrarias galegas Coren, Artesáns Gandeiros e Proterga; Federación Galega de Euroconsumo e Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios.
O evento concluíu coa quenda de intervencións na que participaron o Presidente fundador de Ternera Gallega, Maximino Viaño, o actual Presidente da IXP, Jesús González Vázquez, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, e o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Durante a súa intervención, Jesús González subliñou o esforzo realizado pola IXP ao longo dos seus 20 anos de actividade para lograr diferenciar a carne de vacún producida en Galicia, recuperar o seu prestixio e situala no lugar que lle corresponde no marco da Unión Europea. “O éxito de Ternera Gallega radicou desde sempre na unión e na súa capacidade para adiantarse aos problemas e superar as crises, saíndo incluso fortalecida delas”, afirmou o actual presidente da Denominación, quen aproveitou tamén para resaltar a colaboración de todos os sectores que compoñen a IXP en beneficio sempre de Ternera Gallega.
Á hora de aludir ao futuro da IXP, Jesús González, destacou que este pasa polo coñecemento, a formación e o bo facer tanto a nivel da produción, para lograr que sexan máis rendibles as explotacións, como a nivel das industrias e a distribución para xerar máis credibilidade, base sobre a que se sustenta Ternera Gallega.
“O futuro tamén é ter capacidade para afrontar retos estratéxicos de grande importancia como son a renovación xeracional no agro; incrementar a produción para atender a demanda no mercado; aumentar a dimensión das explotacións para ser máis competitivos e eficientes, así como incrementar o número de animais que se certifican para lograr un maior desenvolvemento e capacidade para abastecer a demanda e o consumo crecente” especificou o presidente da IXP. Jesús González concluíu a súa intervención deixando constancia da necesidade de mellorar a planificación da produción para que non se orixinen excedentes na primavera nin desabastecementos no verán e continuar apostando pola calidade e o control para continuar gozando do aprezo dos consumidores e sumando beneficio para os gandeiros e a industria cárnica galega, nun mundo sen fronteiras que camiña cara a liberalización dos mercados.
Pola súa parte o presidente fundador de Ternera Gallega, Maximino Viaño, fixo un repaso polos vinte anos de existencia da IXP, destacando o labor “daquel pequeno grupo promotor desta meritoria obra que hoxe estamos a resaltar” declarou. “Ternera Gallega non nace como algo que puidésemos chamar unha operación comercial de certa audacia, senón como un proxecto común baseado na carne de vacún tradicional como produto diferencial galego fronte a outras carnes do mercado”, afirma Viaño, quen rematou o seu discurso agradecendo aos directivos e traballadores que o acompañaron no seu mandato, o esforzo e compromiso coa IXP, e aos medidos de comunicación a súa contribución á proxección social da Denominación.
20 anos de crecemento constante
Desde a súa creación en 1989, a aposta da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega polo control da calidade da carne de vacún en Galicia xerou un valor engadido superior aos 240 millóns de euros para o sector cárnico, asegurando a continuidade da produción gandeira e favorecendo o asentamento da poboación no medio rural.
A Denominación converteuse así nun referente do vacún de carne, contando con máis de 7.000 explotacións gandeiras e con 72 industrias cárnicas inscritas na IXP, incrementando desde a súa creación, progresivamente as cifras de actividade, ata acadar no ano 2008 os 109.178 tenreiros identificados e as 78.203 canais certificadas, que significan un volume de 16.913 toneladas de carne de vacún comercializada baixo o amparo da IXP Ternera Gallega e un valor económico superior aos 85 millóns de euros en primeira venda.
É necesario resaltar que no conxunto destes 20 anos, a Denominación identificou e controlou 1.445.000 tenreiros e certificou 908.000 canais, que significan 192.000 toneladas de carne comercializada baixo o amparo da IXP, cun valor superior aos 1.000 millóns de euros.
Vinte anos nos que Ternera Gallega mantivo, tal e como constatan as mencionadas cifras, un ritmo de crecemento practicamente constante e regular, froito do esforzo da IXP por actuar en todos os chanzos da cadea alimentaria, poñendo en valor e dotando o sector de vacún de carne de personalidade propia e diferenciadora nos mercados, ata chegar a comercializarse en máis de 1.000 carnicerías e supermercados espallados por toda España.
Breve achega histórica
Ternera Gallega inicia o seu labor de control e promoción en setembro de 1989, tralo recoñecemento da denominación “Produto Galego de Calidade Ternera Gallega” para a carne de vacún producida en Galicia. Posteriormente, no mes de decembro, aprobouse e publicouse o Regulamento da Denominación, no que se establecían as condicións e pautas de funcionamento, que permitían garantirlle aos consumidores a adquisición dunha carne de vacún producida en Galicia con métodos tradicionais, de máxima calidade e perfectamente identificada nos puntos de venda.
Nos primeiros meses de 1990 comezáronse a inscribir as gandarías, a identificar os primeiros becerros e a certificar as súas canais. En xaneiro de 1994 recoñeceuse como Denominación Específica Ternera Gallega e foi ratificada en abril de 1995 polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, dando un paso definitivo no desenvolvemento e consolidación da produción de carne de vacún de calidade en Galicia, ata converterse nun referente para todo o sector a nivel estatal, así como para a cadea agroalimentaria e para os consumidores. Desde 1996, Ternera Gallega está recoñecida pola Unión Europea como Indicación Xeográfica Protexida, sendo a primeira carne de vacún con control integral e certificado de garantía.