Ternera Gallega en Alimentaria 2014

O programa da IXP no Salón Internacional contemplou a realización de accións promocionais e informativas para dar a coñecer o seu produto entre as que destaca a celebración dun encontro comercial cos profesionais do sector cárnico e unha charla coa asociación de consumidores UNAE Barcelona.  

No marco da XX edición do Salón Internacional de Alimentación e Bebidas Alimentaria 2014, que se celebrou do luns 31 de marzo ata o 3 de abril, en Barcelona, Ternera Gallega desenvolveu unha serie de accións informativas e promocionais para dar a coñecer a carne amparada pola Denominación.

A IXP asistiu a esta cita formando parte do expositor institucional da Xunta de Galicia, situado no sector de Intercarn (pavillón 5) do recinto feiral,  acompañada de tres das principais industrias cárnicas galegas inscritas na Denominación: Artesanos Gallegos de la Carne, Novafrigsa y Suministros Medina. 

O seu programa de actividades inclueu xuntanzas de traballo coas principais firmas da distribución, degustacións de Ternera Gallega nunha zona especialmente habilitada para este cometido e un encontro cos profesionais da carne que tivo  lugar o luns 31 no expositor da Xunta de Galicia. Unha xuntanza cos carniceiros de Barcelona na que se achegaron puntos de vista sobre a IXP e a súa actividade. 

Ademais, a IXP impartiu unha charla informativa á asociación de consumidores UNAE Barcelona para explicarlles aos consumidores finais os aspectos nutricionais e culinarios das carnes de vacún de calidade. 

Dentro do recinto feiral, un dos restaurantes máis recoñecidos e prestixiados de Barcelona, o Rías de Galicia, ofreceu tamén en exclusividade dentro da súa carta, a carne de Ternera Gallega, a fin de que os visitantes que acudiron á feira poideran degustala neste restaurante. 

Ternera Gallega leva participando en todas as edicións desta feira de alimentación desde o ano 1992. A súa presenza, desde o inicio, destacou polas numerosas actividades que se desenvolveron entre diferentes colectivos, entre elas, a organización de xornadas técnicas, sesións informativas, degustacións de produto; atención a visitas institucionais e todas aquelas demandas de información no espazo asignado á IXP.