Ternera Gallega entrega unha tonelada de "Solidariedade"

A Indicación Xeográfica Protexida doou ás entidades benéficas Federación Galega de Bancos de Alimentos e Cáritas cadanseu lote de carne de 500 quilos, valorados nun total de 6.000 euros, no marco da campaña promocional “Gaña con Ternera Gallega e sé Solidario”.

A última campaña promocional da IXP Ternera Gallega “Gaña con Ternera Gallega e sé Solidario” contemplou un dobre compoñente: o fomento da compra de carne certificada, con atractivos premios para o consumidor, e a solidariedade cos máis desfavorecidos, mediante a doazón de carne amparada pola Denominación a organizacións benéficas. 

Este mediodía tivo lugar a entrega de 500 quilos de carne a Cáritas e outros tantos á Federación Galega de Bancos de Alimentos, que os distribuirá nas súas cinco sedes autonómicas: A Coruña, Vigo, Ourense, Santiago e Lugo. Unha tonelada de carne con indicativo de calidade valorada en 6.000 euros que ten como destinatarios aquelas persoas, familias e colectivos máis necesitados que demandan axuda en centros asistenciais. Os comedores sociais localizados na Coruña, Ourense, Vilagarcía de Arousa e Cee, ademais dos puntos de reparto para familias de Marín, Betanzos, Ribeira e Milladoiro serán os destinos finais de Cáritas para distribuílos entre máis de 500 familias.