Medio Rural abona nestes días as axudas aos gandeiros con vacas nutrices
(mediorural.xunta.es 08/04/2011) Este pago realízase con dous meses de antelación respecto do pasado ano e completa o pago de máis de 20 millóns de euros . En total son 10.660 gandeiros os que se benefician destas axudas. Entre os importes pagados destaca a provincia de Lugo, na que se concentran o 52.46% dos produtores
A Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), ven de abonar nestes días o pago de máis de 9 millóns de euros a gandeiros con vacas nutrices (vacas que aleitan naturalmente as súas crías), o número de gandeiros beneficiados desta axuda ascende a 10.660.
Este pago realízase con dous meses de antelación respecto do pasado ano e é complementario ao anticipo de case 12 millóns de euros, que xa percibiron os gandeiros na primeira quincena do mes de marzo polas solicitudes presentadas para a campaña 2010. Deste xeito completase o pago de máis de 20 millóns de euros.
O importe pagado agora, xunto co anticipo pagado en marzo, supón un total de 20.874.867,41 euros que o departamento que dirixe Samuel Juárez ten invertido no apoio á renda destes produtores que desenvolven a súa actividade maioritariamente en zonas de montaña e outras zonas desfavorecidas, contribuíndo á conservación do medio natural e ao mantemento das boas condicións agrarias e medioambientais.
Entre os importes pagados destaca a provincia de Lugo, na que se concentran o 52.46% dos produtores e o 63.31% dos importes do saldo da prima por vacas nutrices (con 5.783.680 euros recibidos nesta axuda).
Primas ao gando vacún
O pago das outras primas ao gando vacún de carne da campaña 2010 (prima por sacrificio, prima adicional por vaca nutriz, e pagamento adicional por vacún de calidade) realizarase antes do 30 de xuño de 2011.
Importe unitario
Nesta axuda por vacas nutrices o importe unitario da prima base é de 186 euros/cabeza e o importe unitario da prima complementaria e de 22,46 euros/cabeza.