Os selos de calidade constituen un elemento fundamental para o mantemento do tecido agroindustrial

(mediorural.xunta.es 11/04/2011) Samuel Juárez participou na inauguración deste certame para prestar o seu apoio aos produtos galegos de calidade    
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, prestou o seu apoio ás empresas galegas e consellos reguladores presentes na XXV edición do Salón Internacional do Club Gourmets de Madrid.
Aproveitando a súa participación na inauguración oficial deste certame, xunto coa ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Rosa Aguilar, e autoridades doutras comunidades autónomas, Samuel Juárez visitou o stand da Consellería para amosar o seu apoio ás 17 empresas coexpositoras do sector da alimentación e aos 22 consellos reguladores e interesarse polo desenvolvemento dos actos preparados po reste departamento.
Juárez destacou que o establecemento dunha denominación de calidade nunha zona pode considerarse como unha oportunidade que se abre para dar viabilidade a determinados tipos de producións agroalimentarias, permitindo o desenvolvemento e a consolidación da agricultura e a agroindustria da zona e facilitando a xeración de riqueza e dinamismo social nela.
Nun mercado cada vez máis global, destacou o conselleiro, as empresas tratan de diferenciar a súa produción a través da utilización do recurso das denominacións de orixe e indicacións xeográficas pode ser unha boa estratexia, constituíndo un elemento fundamental para o mantemento do tecido agroindustrial e, en xeral, para o desenvolvemento rural.
O titular de Medio Rural declarou que os selos de calidade son tamén un elemento importante para a pervivencia das tradicións e das formas de vida do agro galego e dunha parte importante da nosa cultura, polo que apostar por estes produtos tamén é unha aposta segura por nós mesmos e o noso país.
 

Degustacións
Neste primeiro día de certame, Juárez asistiu á degustación da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, conxugada con viños da denominación de orixe Ribeiro. Tamén se realizaron diversas presentacións e degustacións de embutidos galegos con viños da D.O. Valdeorras, e de produtos do mar con viños das D.O. Rías Baixas e Monterrei.
Nos vindeiros días, os queixos galegos das D.O.P. Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro cobrarán protagonismo, ao igual que diversas producións acollidas ás indicacións xeográficas protexidas de Mel e Castaña de Galicia. As producións ecolóxicas dirixidas a distribuidores de produtos delicatessen e de restauración e hostalería pecharán esta XXV edición do Salón Gourmets.
 

Produtos de calidade
A Consellería do Medio Rural ampara con selos de calidade a 22 produtos do agro galego. O sector do viño conta con 5 denominacións de orixe -Rías Baixas, Valdeorras, Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei- mentres que no cárnico temos As indicacións xeográficas protexidas de Ternera Gallega e Lacón Gallego. Na variedade dos queixos está o sabor, con San Simón da Costa, Tetilla, Arzúa-Ulloa e Cebreiro.
A calidade da nosa horta ven representada polos pementos de Herbón e do Couto; a Faba de Lourenzá; Grelos, Pataca e Castaña de Galicia; así como o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).
Por último, destacar tamén a calidade das indicacións xeográficas protexidas da Mel de Galicia, Pan de Cea e Tarta de Santiago; sen esquecernos da denominación Augardentes e Licores de Galicia.