‘Move T’ con Ternera Gallega

• A Indicación Xeográfica Protexida organiza na capital de Lugo, o vindeiro 13 de setembro, sábado, a I Carreira Popular Ternera Gallega.
• Co apoio do Concello lugués, a iniciativa englóbase no programa conmemorativo do XXV aniversario da Denominación, e xorde cun marcado carácter lúdico-deportivo e de promoción de hábitos de vida saudable.
• Homes e mulleres, adultos e pequenos de todas as idades poderán participar nesta carreira e faranse con numerosos e variados premios e agasallos.
• Ao peche da competición, ofrecerase unha degustación da carne certificada pola IXP, na que colaborarán marcas alimentarias e de bebidas tan recoñecibles como a IXP Pan de Cea, Fontecelta ou Feiraco.
Dentro do programa conmemorativo do XXV aniversario, a Indicación Xeográfica Protexida organiza a I Carreira Popular-MóveT con Ternera Gallega. Terá lugar o vindeiro 13 de setembro, sábado, na capital de Lugo, a partir das 18 horas. En colaboración co departamento de Deportes do Concello de Lugo, a cita convida á participación masiva e sen ningún tipo de exclusión por xénero nin idade. Homes e mulleres de todas as idades poderán ‘movérense’ con Ternera Gallega e optar a numerosos e variados premios. Como broche final, a IXP ofrecerá unha degustación de carne para todos os atletas na que colaboran tamén outras firmas alimentarias galegas como a Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, Augas Fontecelta e a cooperativa láctea Feiraco.
Esta iniciativa é unha mostra máis da firme aposta que Ternera Gallega vén facendo polos hábitos de vida saudable a través do deporte, do consumo responsable e da cooperación con outros produtos alimentarios que cumpran coas máximas garantías de calidade.
Para o correcto desenvolvemento da Carreira, que discorrerá enteiramente por circuito urbano, a organización disporá de todos os recursos técnicos e humanos necesarios. Toda a información sobre categorías, inscricións, condicións de participación, procedementos, entrega de premios e demais datos de interese estará recollida no regulamento oficial, que se poderá consultar na páxina web da Denominación (www.terneragallega.com) así como no portal www.championchipnorte.com