Ternera Gallega, un pracer pra os sentidos no Salon internacional do Club de Gourmets 2011
Fiel á súa cita co Salón Internacional do Club de Gourmets, a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega participou nesta XXV edición de 2011, que hoxe xoves, 14 de abril, pecha as súas portas no recinto feiral IFEMA de Madrid.
Dentro do stand institucional da Xunta de Galicia, da actividade da Consellería do Medio Rural baixo o título “Un pracer para os sentidos”, Ternera Gallega protagonizou unha maridaxe lúdico-gastronómica coa Denominación de Orixe Ribeiro, na que se harmonizaron os caldos do Ribeiro cos pratos da IXP.
Show cooking interactivo
Durante o show cooking, no que houbo ocasión para interactuar co público e achegar en directo a elaboración dun dos pratos, os asistentes puideron degustar un carpaccio, un entrecosto de lombo baixo, un filete de baleiro e un xarrete estofado de Ternera Gallega, acompañados de viños branco e tinto do Ribeiro.
O director de Promoción da IXP, Luís Vázquez, foi o encargado da explicación das características organolépticas da carne amparada por Ternera Gallega, facendo un percorrido desde o produto menos feito ata o máis cociñado e incidindo nas súas principais cualidades: terneza, xugosidade e elevado sabor; así como de expoñer os aspectos de control, trazabalidade e outras cuestión de carácter técnico que atinxen á carne de calidade da Denominación, tales como o tipo de corte, o grao de maduración óptimo e as temperaturas de cocción e servizo.
Pola súa banda, o profesor de análise sensorial, Francisco del Castillo, encargouse de detallar as propiedades organolépticas dos viños do Ribeiro.