Charla de Ternera Gallega en Becerreá sobre Planificación e Regularización da Producción

 

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega  continúa co seu programa de charlas informativas sobre a planificación da produción, nas que analizará a situación actual do mercado de vacún de carne desde a dimensión técnica, económica e comercial da produción e reprodución da cabana gandeira.
As xornadas desenvolveranse durante este mes de abril nos concellos lugueses de Paradela, Láncara, Baralla, Becerreá, Lugo e Friol.
Consciente da importancia da planificación para lograr a regularización da produción a fin de acadar mellores prezos e consolidar a posición da carne de Ternera Gallega no mercado, a Indicación Xeográfica Protexida prosegue co seu programa de charlas informativas nos principais concellos galegos produtores de carne de vacún de calidade en Galicia.
 

As xornadas, a cargo do director de Promoción da IXP, Luís Vázquez, e da secretaria executiva da Asociación Nacional de Criadores de Gando de Raza Rubia Galega (ACRUGA), Ángeles Moreno, terán lugar de acordo co seguinte calendario:
 

Paradela: Centro sociocultural Manuel Orestes (antigo campo da feira), xoves, 7 de abril ás 20:00
Láncara: Centro polifuncional (campo da feira- Pobra de San Xiao),xoves, 14 de abril ás 20:00
Baralla: Centro sociocultural e xuvenil, luns, 18 de abril, ás 20:00
Becerreá: Centro cultural, martes, 19 de abril, ás 20:00
Lugo: Facultade de Veterinaria, Luns, 25 de abril, ás 20:00
Friol: Centro sociocultural, Xoves, 28 de abril, ás 20:00
 

Dirixidas fundamentalmente a gandeiros, as sesións analizarán en profundidade a situación actual do mercado de vacún de carne a tentarán dar resposta ás dúbidas e consultas máis frecuentes en materia de produción e reprodución dos rabaños, así como buscar as solucións técnicas máis axeitadas para resolver os problemas que se presentan na práctica cotiá do manexo do gando nas explotacións.
 

O contexto
Nas explotacións de vacún de carne, a parideira da primavera é moito maior, ocasionando un dos principais problemas cos que se enfrontan os gandeiros no seu día a día, o que provoca a descompensación estacional que desde hai anos existe entre a oferta da carne amparada pola IXP e a súa demanda. Eses nacementos da primavera saen ao mercado nos meses finais do inverno seguinte, que, por riba, que coinciden cos de menor consumo de carne de vacún. Polo tanto, hai un maior número de animais para o sacrificio, é dicir, un exceso de oferta. As consecuencias son unha baixada xeralizada de prezos e o problema engadido da saturación do mercado,  derivando nun desequilibrio entre a produción e a comercialización. Situación que se invirte nos meses de verán, época na que a maior demanda de carne coincide temporalmente coa súa menor oferta, xa que hai un déficit de animais para sacrificio porque a parideira de outono é bastante menor.
 

A solución
A planificación da produción das gandarías e, en particular, unha axeitada programación dos partos, é unha das solucións que permitiría regularizar os sistemas produtivos e resolver estes problemas. É fundamental un correcto manexo do rabaño, así como o coñecemento das características reprodutivas e de alimentación das femias das gandarías inscritas na IXP, principalmente da raza Rubia Gallega, que sustentan a produción de carne certificada. Son solucións que exporán en amplitude os responsables da Denominación, implicando a toda a cadea produtiva, industrial e comercial en xeral; aos gandeiros en particular, e a todo aquel estamento relacionado co sector de vacún de carne de calidade en Galicia.