Ternera Gallega cos profesionais da carne de Málaga

A Indicación Xeográfica Protexida organizou unha serie de encontros comerciais con profesionais do sector cárnico. O programa incluiu unha sesión técnica sobre as calidades, o control e a trazabilidade da carne amparada pola IXP, as actividades promocionais e os convenios de colaboración cos puntos de venda, entre outros aspectos de interese sobre Ternera Gallega. As xornadas, que tamén incluiron un show cooking e degustación de carne certificada pola Denominación, tiveron lugar nun dos hoteis da cidade.
A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega viaxou a Málaga para dar a coñecer en detalle aspectos técnico-produtivos e comerciais da súa carne de calidade aos profesionais carniceiros de dita cidade. O presidente da IXP, Jesús González Vázquez, e o director de promoción, Luis Vázquez, acompañados dalgunhas das principais industrias cárnicas inscritas na Denominación, mantiveron reunións de carácter técnico e comercial personalizadas cos profesionais do sector que así o solicitaron.
Os encontros comerciais complementáronse cunha sesión técnica, seguida dun coloquio, na que se profundizou en aspectos relacionados coas calidades, o control de calidade e a trazabilidade da carne amparada pola Indicación Xeográfica Protexida; o programa que desenvolve en materia de promoción; o uso da imaxe corporativa e os convenios de colaboración cos establecementos de venda, así como outras cuestións de interese sobre o sector de vacún de carne de calidade.
O programa completouse cun show cooking e unha degustación de carne certificada pola IXP Ternera Gallega a disposición de todos os participantes, que gozaron da súa preparación baixo diferentes usos culinarios.
Ternera Gallega, máxima dignificación do vacún de carne de calidade
Ternera Gallega é unha entidade inscrita nos rexistros da Unión Europea como IXP, cuxas funcións son o control integral, a certificación e a promoción da carne de calidade procedente dos tenreiros nados, criados e sacrificados en Galicia, de acordo co establecido no seu Regulamento e no seu Manual de Calidade.
Na actualidade, a Denominación conta con máis de 7.660 explotacións gandeiras inscritas onde se identifican máis de 115.000 tenreiros. Nas 75 industrias e comerciais cárnicas inscritas  a certificación de carne aproximouse aos 81.500 canais, que significan máis de 17.600 toneladas de carne, cun valor en primeira venda próximo aos 100 millóns de euros. A carne certificada por Ternera Gallega comercialízase en máis de 1.100 establecementos de venda repartidos por toda España.