Ternera Gallega incrementa as súas cifras e crece por encima do 4%

•Se a comparativa se realiza coa media do quinquenio 2009-2013, o crecemento é dun 9 %.
•Na actualidade, a Denominación conta con 7.670 gandarías inscritas, nas que se identificaron máis de 120.000 tenreiros. Certificáronse máis de 85.000 canais, comercializáronse máis de 18.600 toneladas de carne e o volume de negocio en primeira venda superou os 108 millóns de euros.
•Os prezos en orixe mantivéronse en niveis razoables, lixeiramente por encima dos do ano 2013, e os custos das materias primas e insumos estabilizáronse, o que favoreceu a rendibilidade das explotacións.
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2015.- O presidente da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, Jesús González Vázquez, presentou hoxe, acompañado polos membros do pleno da Denominación, as cifras correspondentes ao Informe de Actividade do ano 2014.
A peche de exercicio, as principais magnitudes da IXP tiveron incrementos significativos, por encima do 4 % con respecto ao ano 2013, e máis dun 9 % comparativamente co quinquenio 2009-2013. Así mesmo, no ano 2014 os prezos en orixe mantiveron uns niveis razoables, un pouco por encima dos do ano anterior, que xunto coa estabilidade dos custos das materias primas e dos insumos, favoreceron a rendibilidade das explotacións.
Principais datos do ano 2014
A nivel produtivo, o número de explotacións gandeiras inscritas na IXP é de 7.670, unha cifra lixeiramente superior á do ano 2013 que foi de 7.665. Se se compara co período 2009-2013, o crecemento é dun 4 %, un feito moi significativo tanto para o sector como no contexto rural actual.  Non obstante, mantívose a diminución do censo de nais e do cruce industrial nas explotacións de leite, o que orixina unha certa escaseza de gando de recría para cebar.
O número de tenreiros rexistrados pola Denominación foi de 120.447 cabezas, o que supón un aumento do 4,6 % con respecto ao ano 2013. No tocante ao número de canais certificadas pola IXP, o aumento anual foi tamén dun 4,6 %, acadando as 85.246 canais, e comercializáronse 18.633 toneladas de carne amparada por Ternera Gallega, que significaron un crecemento dun 8 % con respecto ao ano anterior.
Na IXP están inscritas e activas na actualidade 82 industrias  e comerciais  cárnicas, as máis significativas das que existen en Galicia para a carne de vacún. O seu número creceu durante o ano 2014 polo incremento das comerciais cárnicas. O volume de negocio, tendo en conta as transaccións comerciais realizadas entre a industria e a distribución, foi de 108,1 millóns de euros, un 9,5 % máis con respecto ao ano 2013, como consecuencia do importante aumento da actividade e a melloría dos prezos.
En canto ao programa de control, realizáronse 23.855 inspeccións, tomáronse 2.396 mostras e fixéronse 3.023 análises e 2.093 probas de ADN. A actividade de control é a principal función e responsabilidade da IXP Ternera Gallega, imprescindible para contar coa confianza dos consumidores e para seguir a trazabilidade da carne ao longo da cadea, desde as explotacións, as industrias e a distribución, ata os consumidores.
No relativo á distribución xeográfica, a provincia de Lugo é a de maior importancia na IXP, co 81 % das explotacións inscritas, o 60 % dos tenreiros rexistrados e o 59 % das canais certificadas.
Comercialización e consumo a nivel estatal
Estes datos demostran que o vacún de carne segue consolidándose como unha actividade estratéxica no sector agrogandeiro do noso país, e que a calidade e o prestixio da carne producida en Galicia continúa gañando cota de mercado.  Neste contexto, Ternera Gallega é na actualidade a referencia na comercialización de vacún de carne a nivel estatal, significando arredor do 52 % da carne que se comercializa en España con Denominación de calidade. O seu consumo repártese entre Galicia (45 %), o resto de España (54 %) e a exportación (1 %), experimentando un crecemento significativo no ano 2014 en Castela-León, Levante, Cataluña e zona Centro.
Se comparamos as diferentes categorías comerciais existentes na IXP, Ternera Gallega Suprema representa o 48,3 % da carne que se comercializa, Ternera Gallega o 50,9 %, , e Ternera Gallega Añojo escasamente o 1 %. 
O esforzo promocional e informativo que a Denominación realiza nos puntos de venda fomenta a súa expansión e consolidación comercial en toda España. Ao rematar o ano 2014, 1.335 establecementos tiñan a imaxe corporativa da IXP e comercializaban Ternera Gallega. Neste ano produciuse un aumento dos puntos de venda, que principalmente foi debido á expansión territorial das cadeas que comercializan a carne amparada pola IXP.
Proxectos e próximas actuacións para o ano 2015
A Denominación afronta o 2015 coa pretensión de desenvolver un Plan de Internacionalización para a posible comercialización en Centroeuropa da carne amparada por Ternera Gallega. Tamén está confirmada a participación na feira alemana de Anuga, que se celebrará no outono en Colonia.
Así mesmo, a IXP centrará os seus esforzos en dar continuidade a proxectos xa iniciados en anos anteriores, entre os que se atopan a realización de estudios de investigación da calidade da carne amparada pola IXP segundo os diferentes sistemas de explotación e a súa mellora produtiva e comercial. Tamén se analizarán novas posibilidades sectoriais que favorezan o desenvolvemento doutras oportunidades para o sector de vacún de carne en Galicia.
Outra liña de traballo debe ser o fomento do cruce industrial con razas cárnicas admitidas no Prego de Condicións da IXP, sempre que tamén participen as cooperativas e os colexios de veterinarios. Ademais, continuará apostando pola regularización produtiva de Ternera Gallega mediante a planificación dos partos, na que deben colaborar as explotacións, as industrias cárnicas e a distribución.
A IXP tamén contempla no seu plan de próximas actuacións aprobar novos convenios de colaboración con carniceiros e coas cadeas de distribución e aproveitar as posibilidades comerciais que lle da o Regulamento da Denominación, especialmente no caso de produtos cárnicos elaborados ou semielaborados con carne certificada.
Así mesmo, a IXP ten previsto apostar pola transparencia informativa aos consumidores e seguir colaborando co seu entorno en proxectos de carácter deportivo, cultural e social.