"Sabores de Galicia" percorre España de punta a punta

A Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra e a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega poñen en marcha esta campaña promocional para dar a coñecer as cualidades dos produtos de calidade que amparan..
Unha unidade móbil percorrerá de maneira itinerante 40 cidades españolas e acollerá sesións técnicas e degustacións dirixidas a diferentes colectivos relacionados coa actividade das Denominacións.
A campaña, presentada esta mañá en Compostela, arranca nas capitais andaluzas de Córdoba, Sevilla e Huelva a próxima semana e esténdese ata finais do mes de xuño.
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2015.- “Sabores de Galicia” dá nome ao road show que veñen de poñer en marcha os consellos reguladores da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra e a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega para presentar as características e calidades do queixo, do viño e  da carne de vacún que amparan, en diferentes cidades de toda España. A campaña presentouse esta mañá no compostelán Parque da Alameda e contou coa presenza dos presidentes dos tres consellos reguladores responsables da campaña.
Un camión expositor de amplas dimensións percorrerá de maneira itinerante desde comezos de abril e durante tres meses, 40 cidades de todo o territorio estatal e albergará sesións técnicas sobre as características e aspectos de control e trazabilidade dos produtos certificados. Trátase dun stand móbil concibido para atender a distintos colectivos vencellados coa actividade das Denominacións, desde escolas de hostalaría, asociacións de consumidores, profesionais relacionados co canal horeca, distribución e sector comercial minorista da alimentación ou medios de comunicación.
Os participantes terán tamén a oportunidade de coñecer as excelencias culinarias do queixo Arzúa-Ulloa, do viño da Ribeira Sacra e da carne de vacún que certifica Ternera Gallega grazas ás numerosas degustacións que se ofrecerán no escenario gastronómico creado para tal fin, con cociña en directo e show-cookings. O obxectivo desta acción promocional é dar a coñecer as cualidades destes produtos en toda España, así como impulsar o seu consumo activo e responsable entre o conxunto da sociedade, de acordo cos principios dunha alimentación sa e equilibrada e os hábitos de vida saudables.
Queixo, viño e carne de vacún: alimentos embaixadores da ‘marca Galicia’
A iniciativa conxunta “Sabores de Galicia” nace da colaboración entre os consellos reguladores da IXP Ternera Gallega, DOP Arzúa-Ulloa e DO Ribeira Sacra, a fin de trasladarlle á poboación española os principios de calidade, trazabilidade e o binomio tradición-innovación tan asentados e prestixiados en Galicia. Valores que representan un modelo produtivo baseado na riqueza natural das materias primas propias da nosa Comunidade, tractor económico para o rural galego e atributos da marca propia dentro e fóra de Galicia.
A DOP Arzúa-Ulloa ampara o tradicional queixo galego de forma cilíndrica ou lenticular, elaborado con leite cru ou pasteurizado de vaca. O seu ámbito de produción inclúe un total de 32 concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Na actualidade, a denominación integra un total de 1.042 gandeiros e 21 queixerías, cun valor económico estimado de preto de 21 millóns de €. Foi o primeiro dos queixos galegos en obter un recoñecemento oficial coma "Produto Galego de Calidade" xa no ano 1989, e é o queixo con DOP máis consumido en Galicia e o segundo en España.
Con case 20 anos de historia, a D.O Ribeira Sacra ampara case un cento de bodegas e 200 marcas comerciais de viño, producidas en 2.500 hectáreas que se distribúen ao longo de 20 concellos das provincias de Lugo e de Ourense. Cunha produción conxunta de máis de 4,5 millóns de quilos, as bodegas da D.O Ribeira Sacra achegan vangarda a unha tradición milenaria na colleita e elaboración dos seus viños, que hoxe en día gozan dun gran prestixio e recoñecemento no eido nacional e internacional.
A IXP Ternera Gallega ampara e protexe a carne fresca de vacún procedente dos animais nados, criados e sacrificados en Galicia. Na actualidade acolle un total de 7.670 produtores e 82 industrias, que están a comercializar unhas 18.633 toneladas de carne de calidade. O valor económico está ao redor dos 108 millóns de €, o que a converte na IXP da súa rama máis importante da Unión Europea. Considerando a idade, o manexo e a alimentación do animal, distínguense dúas categorías principais: Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema.
Fóra de Galicia, a campaña comezará na Comunidade Autónoma de Andalucía, concretamente o próximo día 7, e está previsto estar nas principais cidades: Córdoba, Sevilla, Huelva, Xerez, Cádiz, Málaga, Granada, etc. Despois continuará en Murcia e Comunidade Valencia, e así sucesivamente ata rematar no Norte de España.