Presentación de Ternera Gallega en Alemaña entre os profesionais do sector

Inmersa no seu plan de internacionalización, a Denominación reunirase esta semana co sector comercial cárnico, coa gran distribución, coa restauración  e os medios de comunicación en Hamburgo e Berlín.
No marco do seu plan de internacionalización e co apoio da oficina promocional coa que conta en Alemaña, a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega regresa esta semana ao país xermano para seguir promocionando a carne de vacún que ampara entre os profesionais do sector.
O luns, 4 de maio, citarase en Hamburgo co sector comercial cárnico, a gran distribución, o sector horeca (hostalería, restauración e catering) e os medios de comunicación especializados para explicar os aspectos técnico-productivos e comerciais da carne de calidade que certifica, acción que repetirá o 6 de maio na cidade de Berlín.
Encontros profesionais
Estas sesións de carácter profesional dan continuidade así ás levada a cabo xa noutras cidades alemás como Colonia e Ahaus. Na primeira delas, Ternera Gallega reuniuse con grupos de interese dos sectores da alimentación, da restauración, gourmet e dos medios de comunicación. A sesión completouse cun show cooking e unha degustación de carne certificada pola IXP a disposición dos máis de 30 participantes que gozaron da súa preparación baixo diferentes usos culinarios.
No caso de Ahaus, a Denominación celebrou un encontro con distintos profesionais do sector da alimentación de produtos frescos, sobre todo, co canal da hostalería, catering, restauración e carnicería tradicional. Esta vez o evento tivo lugar na Escola de Hostelería Belhoga na que conxuntamente co xefe de cociña e os alumnos do centro se desenvolveron varias receitas con Ternera Gallega que os asistentes puideron degustar e comprobar a súa calidade culinaria, xa que puideron entrar nas cociñas da escola.
O director de promoción, Luis Vázquez, e mailo delegado de Ternera Gallega en Alemaña, Hans Ulrich Schneider, realizaron ademais varias visitas a industrias e comerciais de distribución cárnica e tamén á gran distribución do sector horeca.