Os produtos con Denominación de Orixe triunfan en Madrid

Os produtos con Denominación de Orixe  triunfan en Madrid tras percorrer Cataluña, Andorra, Aragón e Castela-a Mancha.
•A campaña “Sabores de Galicia” deu a coñecer as calidades do queixo, o viño e a carne que amparan a Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra e a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega aos profesionais do sector alimentario nestas Comunidades.
•A unidade móbil que percorre de xeito itinerante toda España acollendo sesións técnicas e degustacións visitará en xuño distintas cidades de Castela e León, A Rioxa, Navarra, Euskadi e Cantabria.
•A campaña, que remata o 18 de xuño en Asturias, presentouse esta semana en Madrid, onde estivo arroupada pola comunidade galega presente na capital.
Sabores de Galicia” da nome ao road show co que os consellos reguladores da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra e a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega presentan as características e calidades do queixo, do viño e a carne que amparan.  A campaña chegou esta semana a Madrid, onde o martes se presentou nun acto que contou coa presenza dos presidentes das tres DO que participan na iniciativa, José Manuel Rodríguez de Ribeira Sacra, Xosé Luís Carrera de Arzúa-Ulloa e Jesús González de Ternera Gallega, que destacaron que esta acción de promoción conxunta está posibilitando promover produtos galegos de calidade non só entre o público especializado e profesional, senón entre consumidores finais.
Ao acto acudiron destacados membros da comunidade galega na capital de España, como o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega; o presidente da Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid (AEGAMA), Julio Lage; ou o promotor da Enxebre Orde da Vieira, Carlos de Blas Armada.
A explanada do Bernabeu foi a encargada de acoller ao camión expositor que, coma un stand móbil, alberga sesións técnicas sobre as características dos produtos certificados e degustacións con cociña en directo dirixidas a colectivos relacionados coa actividade das Denominacións, desde escolas de hostalaría, asociacións de consumidores, profesionais relacionados co canal horeca, distribución e sector comercial minorista da alimentación ou medios de comunicación.
O obxectivo desta acción promocional é dar a coñecer as calidades destes produtos en toda España, así como impulsar o seu consumo activo e responsable entre o conxunto da sociedade, de acordo cos principios de alimentación sana e equilibrada e hábitos de vida saudábeis.
Bo sabor de boca en Cataluña, Andorra, Aragón e Castela-A Mancha
“Sabores de Galicia”, que se presentou oficialmente en Santiago de Compostela o pasado 1 de abril, percorreu ata o de agora máis de 9.000 kilómetros e 28 cidades de 7 comunidades autónomas. Durante o mes de maio a campaña pasou por Cataluña, Andorra, Aragón e Castela A Mancha, cunha boa acollida. Esta semana o road show recalou na capital de España e o seu entorno, onde visitou Alcalá de Henares, Aranxuez, Xetafe e Pozuelo de Alarcón.
A primeira parada foi Vilareal, onde os alumnos da Escola de Hostalaría asistiron a unha sesión técnica sobre os produtos. Continuou en Mataró e Tarragona, onde a Asociación de Amas de Casa animouse a coñecer os produtos das Denominacións, mentres representantes do Centro Galego de Tarragona asistiron á presentación da campaña.
Tras un descanso, “Sabores de Galicia” finalizou o seu percorrido por Cataluña a segunda semana de maio visitando Sabadell, Terrasa e Lleida. O camión cruzou a fronteira para asentarse en Andorra, onde recibiu a varios representantes do Centro Galego Fillos de Lalín e contou coa presenza do Consoll Mayor, Jordi Román, na presentación da campaña. Zaragoza e Guadalajara foron as seguintes paradas. Nesta última os alumnos de hostalaría do IES Buero Vallejo puideron coñecer os produtos galegos.
O mes rematou cunhas xornadas excepcionais na Comunidade de Madrid. Procedente de Alcalá de Henares, onde recibiu aos alumnos da Escola de Hostalería de Alcalá e representantes do Centro Galego Corredor de Henares, “Sabores de Galicia” instalouse durante 2 días na explanada do Bernabeu. O luns 25 deu a coñecer as excelencias culinarias dos produtos amparados polos consellos reguladores galegos ao alumnado das escolas de hostalaría Gambrinus e Formaemplean. Na segunda xornada foron as socias da Asociación Amas de Casa de Madrid e a Asociación Amas de Casa UNAE as que se achegaron a coñecer os produtos certificados. A continuación o camión expositor visitou Aranxuez, Xetafe e Pozuelo de Alarcón.
 “Sabores de Galicia” rematará o seu road show o 18 de xuño en Oviedo, tras percorrer nos vindeiros días Salamanca, Valladolid, Burgos, Vitoria, Logroño, Pamplona, San Sebastián, Bilbao, Santander e Xixón.
Queixo, viño e carne de vacún: alimentos embaixadores da ‘marca Galicia’
A iniciativa conxunta “Sabores de Galicia” nace da colaboración entre os consellos reguladores da IXP Ternera Gallega, DOP Arzúa-Ulloa e DO Ribeira Sacra, a fin de trasladarlle á poboación española os principios de calidade, trazabilidade e o binomio tradición-innovación tan asentados e prestixiados en Galicia. Valores que representan un modelo produtivo baseado na riqueza natural das materias primas propias da nosa Comunidade, tractor económico para o rural galego e atributos da marca propia dentro e fóra de Galicia.
A DOP Arzúa-Ulloa ampara o tradicional queixo galego de forma cilíndrica ou lenticular, elaborado con leite cru ou pasteurizado de vaca. O seu ámbito de produción inclúe un total de 32 concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Na actualidade, a denominación integra un total de 1.042 gandeiros e 21 queixerías, cun valor económico estimado de preto de 21 millóns de euros. Foi o primeiro dos queixos galegos en obter un recoñecemento oficial coma “Produto Galego de Calidade” xa no ano 1989, e é o queixo con DOP máis consumido en Galicia e o segundo en España.
Con case 20 anos de historia, a D.O Ribeira Sacra ampara case un cento de bodegas e 200 marcas comerciais de viño, producidas en 2.500 hectáreas que se distribúen ao longo de 20 concellos das provincias de Lugo e de Ourense. Cunha produción conxunta de máis de 4,5 millóns de quilos, as bodegas da D.O Ribeira Sacra achegan vangarda a unha tradición milenaria na colleita e elaboración dos seus viños, que hoxe en día gozan dun gran prestixio e recoñecemento no eido nacional e internacional.
A IXP Ternera Gallega ampara e protexe a carne fresca de vacún procedente dos animais nados, criados e sacrificados en Galicia. Na actualidade acolle un total de 7.670 produtores e 82 industrias, que están a comercializar unhas 18.633 toneladas de carne de calidade. O valor económico está ao redor dos 108 millóns de euros, o que a converte na IXP da súa rama máis importante da Unión Europea. Considerando a idade, o manexo e a alimentación do animal, distínguense dúas categorías principais: Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema.