Ternera Gallega, "atractivo" de calidade para o mercado alemán

Visitan Galicia para coñecer as características produtivas, comerciais e o control de calidade da carne de vacún da Denominación.
Seguindo co plan de internacionalización da IXP Ternera Gallega para achegar a carne que ampara a potenciais compradores xermanos, a IXP recibiu a visita de representantes alemáns de comerciais cárnicas, distribución e prensa especializada en gastronomía e industria cárnica, interesados en coñecer de primeira man as características produtivas e o control de calidade da carne amparada por Ternera Gallega.
Durante a súa estancia en Galicia, estes representantes puideron visitar explotacións gandeiras con vacas nais nas localidades lucenses de Palas de Rei e Sarria, centros tecnolóxicos nos que se prestan servizos mediante o emprego da biotecnoloxía do ADN nos campos da sanidade e da produción agropecuaria como Xenética Fontao, así como industrias cárnicas que están no programa de exportación de Ternera Gallega. Tamén se achegaron a puntos de venda, como carnicerías tradicionais e cadeas de distribución.
A Denominación segue dando a coñecer así a súa marca en Alemaña, apostando por unha intensa labor promocional que deu comezo os pasados meses de maio e xuño no país xermano, en cidades tan destacadas como Berlín, Colonia, Ahaus, Hamburgo ou Witlich, a través de reunións co sector comercial cárnico, coa gran distribución, coa restauración e os medios de comunicación especializados.