Un novo carné para Ternera Gallega: o do club Gallegos del Año

 

O presidente da Indicación Xeográfica Protexida en Compostela o Premio Gallegos del Año 2015, concedido polo grupo El Correo Gallego

A distinción recoñece a proxección, o control, a diferenciación e a promoción do vacún autóctono de calidade tras 25 anos de traxectoria

O presidente da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, Jesús González Vázquez, recollía o pasado 22 de outubro, en Compostela, o Premio Gallegos del Año 2015 que outorga o grupo de comunicación El Correo Gallego. Nunha gala á que asistiron máis de 1.500 persoas, representantes do eido político, económico e social, a Denominación, na voz do presidente do Consello Regulador, entraba oficialmente no selecto club Gallegos del Año.

O grupo de comunicación inclúe no seu club a Ternera Gallega que, lembra, “vive o seu mellor momento con récord en todas as súas magnitudes” polo seu arduo labor nestes primeiros 25 anos de existencia aprol do vacún de carne de calidade. “Protección, control, diferenciación e promoción do sector” son valores que subliña El Correo Gallego para a concesión deste premio. Tamén destaca ter situado “a carne galega de vacún nas mesas máis exclusivas do mundo e a dimensión nacional e internacional que está acadando cos mercados centroeuropeos no seu punto de mira”.

‘Aldabonazo’ para situar o sector do vacún de carne de calidade no lugar que lle corresponde

Jesús González destacaba na súa intervención o significado deste recoñecemento nunha tripla vertente: “do traballo e bo facer dos gandeiros galegos, así como do esforzo da nosa industria cárnica para producir e seguir poñendo no mercado unha das mellores carnes de vacún da Unión Europea. Tamén o recoñecemento do labor do Consello Regulador, desde o punto de vista da trazabilidade e control como a nivel informativo e promocional, xerando riqueza e valor engadido que repercuten no rural galego. Por último, o recoñecemento dos medios de comunicación aos máis de 25 anos de Ternera Gallega na vertebración do sector de vacún de carne en Galicia”.

Pero sobre todo esta distinción debe significar un ‘aldabonazo’ para que “a sociedade e os gobernos se acorden dos gandeiros de carne, a actividade agropecuaria máis relevante para a conservación do medio ambiente e para frear o despoboamento no interior de Galicia e nas zonas de media e alta montaña”.