Ternera Gallega desvela ‘Máis segredos da carne” no Centro Superior de Hostalería de Galicia

No marco do taller GastroForum 2016 que organizou o centro de formación os días 9 e 10 de maio, dedicado ao presente e futuro da gastronomía galega

O chef Javier Rodríguez Ponte ‘Taky’ explicoulles aos asistentes as propiedades culinarias e gastronómicas de pezas de carne de Ternera Gallega menos coñecidas e utilizadas en restauración

O director de Promoción da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, Luis Vázquez, e o coñecido restaurador do Grupo Nove Javier Rodríguez Ponte ‘Taky’ impartiron o taller ‘Os segredos da carne. Mitos e realidades. Cortes inéditos’ no Centro Superior de Hostalería de Galicia. Máis de 40 asistentes participaron neste obradoiro organizado no marco do GastroForum 2016, dedicado ao presente e ao futuro da gastronomía galega no que participaron profesionais do sector da restauración, profesores e alumnos de escolas de hostalería e medios de comunicación especializados. Tertulias gastronómicas, talleres de cociña, presentación de produtos e degustacións guiadas compuxeron o programa.

O obxectivo do taller de Ternera Gallega foi achegar e valorizar pezas da carne amparada pola Denominación menos coñecidas e utilizadas na restauración sacándolles o máximo partido mediante técnicas de corte e de cociñado a fin de abordar as inmensas posibilidades culinarias da carne de Ternera Gallega para formar parte de menús sorprendentes. Cortes e pezas como Teres Major (Petite Tender), Bavette (Vacío), Flank (Filete de Vacío), Flat Iron (Llana), Cadera (Croca) ou Falda foron algúns dos exemplos que os participantes puideron descubrir e degustar onte no Centro Superior de Hostalaría de Galicia.