Ternera Gallega en Alimentaria 2016

O programa da IXP neste Salón Internacional incluíu a realización de accións promocionais e informativas para dar a coñecer a carne certificada por Ternera Gallega. Destacaron a celebración de encontros comerciais coa distribución e cos profesionais do sector cárnico catalán.

No marco da XXI edición do Salón Internacional de Alimentación e Bebidas Alimentaria 2016, que se celebrou a finais do pasado mes de abril en Barcelona, a IXP desenvolveu accións promocionais e informativas para dar a coñecer as características e potencial da carne amparada pola Denominación.

Ternera Gallega acudiu a esta cita formando parte do stand institucional da Xunta de Galicia, situado no sector Intercarn (pavillón 5) do recinto feiral, acompañada de tres das principais industrias cárnicas galegas inscritas na IXP: Artesanos Gallegos de la Carne, Novafrigsa e Suministros Medina. 

O seu programa de actividades incluíu xuntanzas de traballo coas principais firmas da distribución, degustacións de Ternera Gallega e encontros cos profesionais do sector cárnico catalán, nos que se compartiron puntos de vista sobre a IXP, a súa actividade e as características e potencial da carne certificada pola Denominación.