Feijóo reivindica a función social da industria agroalimentaria

Feijóo reivindica a función social da industria agroalimentaria, que “xera valor engadido para os produtos do noso agro e do noso mar

(xunta.es 16/06/2016)  É un sector que dá traballo a máis de 18.300 persoas, factura máis de 4.700 euros e dinamiza o noso rural. “Se nos últimos anos tocou resistir, agora toca crecer”, di. Cita algunhas das medidas tomadas pola Xunta para apoiar o sector, como os 25 millóns para apoiar investimentos, os 8,3 millóns destinados á promoción da internacionalización e da calidade e os 200.000 que obtivo Clusaga para implantar procedementos da industria 4.0

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a función social da industria agroalimentaria, que ademais de facturar cada ano máis de 4.700 millóns de euros e de dar emprego a máis de 18.300 persoas, tamén “xera valor engadido para os produtos do noso agro e do noso mar”. Deste xeito, a agroindustria garante o crecemento futuro do noso sector primario.

O presidente da Xunta fixo estas declaracións durante o Foro Galicia Alimentación, que organiza o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). Aos seus membros agradeceulles o compromiso na elaboración dunha estratexia conxunta.

“Estades a axudar a fixar poboación e a demostrar que no rural tamén se poden facer negocios”, dixo Feijóo. Nesta liña, recordou que a agroindustria “dinamiza o noso rural”, pois seis de cada dez empresas se sitúan en concellos de menos de 10.000 habitantes. Despois de reivindicar a calidade dos nosos produtos agrarios, o presidente insistiu en que hai moito “potencial de crecemento” nos produtos con valor engadido: queixo, manteiga, soro, produtos cárnicos e conservas.

O xefe do Executivo galego loou o comportamento “razoablemente positivo” do sector durante os anos da recesión. “Se nos últimos anos tocou resistir, agora toca crecer —resumiu—. Ampliar as plantas, contratar persoal e, sobre todo, innovar”.

Apoio da Xunta

Feijóo comprometeu o apoio da Xunta ás empresas do sector, das que reiterou o seu carácter “estratéxico”. Citou, por exemplo, a partida de axudas que se aprobou esta mañá no Consello da Xunta, para apoiar con 25 millóns de euros investimentos de ata 70 millóns en empresas do sector lácteo, do cárnico, do hortofrutícola e doutros máis pequenos coma o apícola. O importe destas axudas creceu un 30% respecto ao ano pasado. “Queremos trasladar que, se alguén quere investir no sector, terá á Xunta á súa disposición”, afirmou.

Tamén fixo mención ás axudas para a internacionalización e promoción da calidade, “un elemento central da marca Galicia” á que en 2016 se destinaron 8,3 millóns de euros, case un 24% máis ca o ano anterior. Por último, referiuse á subvención de máis de 200.000 euros que recibiu Clusaga para implantar no sector procedementos propios da Industria 4.0.

Estas axudas están a ter efecto e o sector está a crecer, como pon de manifesto o feito de que as exportacións agroalimentarias galegas crecesen un 4,7% no primeiro trimestre de 2016 fronte ao mesmo período do ano anterior. O presidente tamén puxo de relevo que na agroindustria hai “un antes e un despois” desde a fundación do Clúster Alimentario. “Temos fe neste sector” concluíu Feijóo.