A Xunta tramita a creación dunha nova IXP para a Carne de Vaca e Boi de Galicia

(mediorural.xunta.gal 22/07/2016) O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a solicitude de inscrición no rexistro comunitario da Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia, co obxectivo de preservar e poñer en valor a carne fresca procedente destes animais. O obxectivo desta iniciativa é preservar e poñer en valor a carne fresca procedente destes animais, a través dunha iniciativa promovida pola IXP Ternera Gallega 

A posta en marcha desta nova IXP é unha iniciativa promovida por Ternera Gallega, co obxectivo de preservar e poñer en valor a carne fresca procedente das vacas e bois da nosa comunidade. Este produto obtense das principais razas existentes, que son a Rubia Galega, Morena Galega, Asturiana de los Valles, Limusina, Rubia de Aquitania e Frisona. 

Para cumprir coa Indicación Xeográfica Protexida a carne deberá presentarse refrixerada, sen que poida ser conxelada en ningún momento ao longo do proceso de obtención e comercialización. A vaca caracterízase por ser unha femia con alomenos unha xestación antes do sacrificio. O boi debe ser un macho castrado antes do ano de vida e que supera os 48 meses de idade antes do sacrificio.

Esta Indicación Xeográfica Protexida abarcará a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase constará dun etiquetado concreto. 

Consello regulador único

Establecerase un consello regulador único segundo os acordos para a indicación xeográfica protexida da tenreira galega e da carne de vaca e boi, co fin de manter unha relación entre estas dúas Indicacións Xeográficas Protexidas.