Preto de 350 agricultores galegos beneficiaranse das axudas

Preto de 350 agricultores galegos beneficiaranse das axudas pola incorporación a réximes de calidade de produtos agroalimentarios

(mediorural.xunta.es 24/10/2016) O DOG publica a resolución destas achegas, que están cofinanciadas co fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Un total de 347 agricultores e gandeiros galegos beneficiaranse das axudas pola súa nova participación en réximes de calidade. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a correspondente resolución da Consellería do Medio Rural sobre estas achegas, que están cofinanciadas co fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Os beneficiarios son agricultores e gandeiros que participan por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos no PDR de Galicia, isto é, a produción ecolóxica e as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

A suma total das subvencións para esta anualidade supera os 25.000 euros. A contía da axuda é do 100% dos gastos subvencionables, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación durante un período máximo de 5 anos.

Poden recibir axuda polos custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación, incluídos, de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do devandito réxime