Recoñecemento na gala do turismo e da gastronomía de Galicia a Ternera Gallega
A tradicional entrega de premios da Gala do Turismo e da Gastronomía de Galicia recoñeceu este ano a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega no apartado de mellor oferta complementaria. Pontevedra volveu converterse o pasado 2 de marzo na capital turística da Comunidade coa celebración da duodécima edición deste prestixioso evento.
Un encontro intersectorial que ten esta cidade como sede desde hai xa tres anos.
O grupo HG&T e a Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo (Agaxet) reuniron no Pazo da Cultura a uns 700 invitados, na súa maior parte representantes de empresas, colectivos e entidades relacionadas co sector para entregar os galardós aos “mellores do ano 2009” nas distintas categorías de equipamento, divulgación, produtos elaborados, proxectos e iniciativas, actualización e investigación, conservación e defensa do patrimonio, oferta turístico-hoteleira, promoción e deseño. Foron distinguidos medio cento de empresas e as máis destacadas en cada apartado recibiron as medallas Dagda da crítica especializada.
A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, asistiu á gala, que estivo presentada polo comunicador ourensán Xosé Manuel Piñeiro. O Centro Superior de Hostalaría de Galicia serviu o cóctel de benvida aos asistentes, entre os que figuraba un grupo de profesionais da Federación Española de Periodistas y Escritores de Turismo.