Juárez avoga por reforzar o sector primario e combater o minifundismo
Juárez avoga por reforzar o sector primario e combater o minifundismo para impulsar o crecemento demográfico no rural
(mediorural.xunta.es 31/05/2011) O conselleiro do Medio Rural detallou esta maña na Comisión non permanente para a elaboración do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia as medidas que se incentivan dende o seu departamento para amortiguar esta situación
O traballo de impulso das diferentes políticas de desenvolvemento rural para reducir o ritmo do despoboamento e as súas consecuencias pasa, segundo indicou o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, por reforzar o sector primario e combater o minifundismo.
No marco da Comisión non permanente para a elaboración do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, Samuel Juárez iniciou a súa intervención esta mañá defendendo a necesidade da diversificación económica no rural “sen esquecer que esta é necesaria e é importante, a economía neste medio non vai prosperar se desatendemos os sectores agrícola e forestal”.
Así, engadiu, as superficies agrícolas, forestais e gandeiras supoñen mais do 75% do territorio en 51 das 53 comarcas galegas, e en máis da metade das comarcas superan o 90% da súa superficie. Á súa vez, a superficie agraria útil (a que está cultivada ou en condicións de selo unicamente mediante labores agronómicas) só supera o 50% nunha comarca das 53.
O conselleiro fixo unha completa fotografía de situación sinalando que, malia a progresiva perda de peso relativo, o sector agrario galego segue sendo de vital importancia para a economía da Comunidade e en particular para o ámbito rural. A aportación do sector agrario galego en termos de Valor Engadido Bruto (VAB) supera a media estatal (3,35% fronte ao 3,1% do conxunto de España). Samuel Juárez referiuse tamén á importancia social do sector agrario en termos de ocupación: a súa aportación ao emprego total duplica a media estatal, estando por riba do 8% en Galicia fronte a un 4,5% no conxunto do Estado.
Combater o minifundismo
Neste contexto, subliñou Juárez, “é necesario falar do principal problema do sector primario galego, que é a estrutura das explotacións agrarias: o minifundismo, problema que afecta tanto ao agro como ao monte”. Así, a superficie destinada a terras de cultivo supón tan só un 15,5% do total, mentres que os prados e pastizais ascenden a un 15% e a superficie forestal a un 58% do total.
A agricultura galega caracterizouse tradicionalmente por un elevado grao de minifundismo, que condiciona a viabilidade e rendibilidade económica das explotacións. A dimensión das explotacións galegas é excesivamente reducida e continúa moi alonxada da media estatal (7,5 hectáreas por explotación fronte as 22 hectáreas dunha explotación media española).
O intenso proceso de axuste vivido pola agricultura galega ao longo do último decenio deu lugar a un descenso do número de explotacións e de parcelas por explotación, así como a un significativo aumento da dimensión das mesmas. Con todo, hai que seguir combatendo o minifundismo, dixo Samuel Juárez, “e é necesario avanzar na procura de solucións que permitan impulsar a transferencia de terras de quenes abandonan a actividade hacia quenes amplían e modernizan as súas explotacións, evitando así o grave proceso de abandono de superficies que sofre o medio rural galego”.
Para contribuír a resolver este asunto principal da estrutura das explotacións, a Consellería do Medio Rural está a desenvolver unha serie de iniciativas. Na súa comparecencia Juárez relatou as principais, como a lei de mobilidade de terras, que será un instrumento menos pasivo e máis proactivo para axudar aos agricultores a dimensionar as súas explotacións.
En segundo lugar referiuse aos procesos de concentración parcelaria, avanzando sensiblemente nesta lexislatura en 75 concentracións que afectaron a 45.000 hectáreas e a 60.000 propietarios, cun investimento de 37 millóns de euros. Aquí, ademais, Medio Rural está a preparar una modificación da normativa, que busca que as concentracións parcelarias sirvan mellor ás necesidades dos agricultores, centrándose máis en concentrar terra e reducir a parcelación e menos en construír novas infraestruturas.
Samuel Juárez referiuse asimesmo á creación das sociedades de fomento forestal como fórmula de agrupación da propiedade forestal, para dar resposta a problemáticas da excesiva parcelación das propiedades individuais no monte. E de seguido explicou tamén como a futura Lei de Montes sentará as bases da explotación sostible dos mesmos e como contribuirá a reverter o proceso de fragmentación das parcelas, clarificará os réximes de usos dos terreos forestais, fomentará as producións e contribuirá a reducir o abandono.
Plan de Desenvolvemento Rural
Finalmente, tamén referiu as cifras do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia durante a presente lexislatura, programa comunitario que está a servir para fomentar os investimentos que melloren a competitividade das explotacións agrarias, das industrias agroalimentarias e forestais, e para crear as condicións que permitan levar acabo iniciativas para a diversificación económica das zonas rurais.
Para ilustrar a execución dalgunhas medidas do programa, o titular de Medio Rural referiuse por exemplo á modernización de explotacións lembrando que nestes dous anos aprobáronse 2.878 solicitudes, cun investimento de 134 millóns de euros. En incorporación de agricultores mozos, no mesmo período autorizáronse 729 solicitudes por un investimento de 19,2 millóns e unha axuda pública de 16,3 millóns de euros.
Finalmente, referiuse tamén ao apartado das industrias agroalimentarias e forestais, no que se deu luz verde a 410 proxectos de incremento do valor engadido das producción, cun investimento de 115 millóns de euros e unha axuda de 41 millóns.