Medio Rural confirma que os gandeiros afectados polos lumes cobrarán a PAC e poderán facer pastoreo 

(campogalego.es 27/02/2018) A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, confirmou ese luns que este ano, e de forma excepcional, poderase levar o gando a pacer a montes e pasteiros queimados por lumes forestais. Ademais, cobrarán a PAC pola totalidade do terreo declarado, incluído o queimado.
Así o anunciou durante a súa visita á zona de pastoreo habilitada polos comuneiros de Lucenza, en Cualedro, onde estivo acompañada polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, e poolo alcalde de Cualedro, Luciano Rivero Cuquejo.
A Xunta dará cumprimento deste xeito á iniciativa aprobada este venres por unanimidade no Parlamento Galego na que se lle reclamaba que os gandeiros con pastos queimados podan cobrar a PAC pola totalidade da superficie. A iniciativa partiu do PsdeG e foi transaccionada co PpdeG.
«A lei é clara; en zonas queimadas non se pode pastorear nun período de tempo determinado -dous anos-. Non obstante, este ano foi excepcional para Galicia e pódese argumentar esa excepcionalidade», explicou a conselleira.
Así, avanzou que «aqueles que o soliciten si van a poder facelo ao mesmo tempo que van poder cobrar a PAC naquelas zonas que foron afectadas polos lumes de verán e do mes de outono”. “Os gandeiros non tiveron culpa e non se lles pode castigar por riba que padecen as consecuencias dos lumes», subliñou.
Montes de Lucenza: un exemplo de loita contra os lumes forestais
Ángeles Vázquez visitou os traballos levados a cabo pola comunidade de montes de Lucenza para recuperar o terreo tralos lumes forestais de 2015, que arrasaron os montes de Cualedro.
Para elo, os comuneiros reintroduciron gando no monte para crear pasteiros e controlar o crecemento do mato. Hoxe teñen pechados máis de 420.000 metros cadrados, nos que pacen 15 vacas de raza cachena e tres cabalos. O proxecto foi apoiado pola Consellería do Medio Rural cunha axuda de 143.000 euros.
Ademais, construíronse dous pasos canadenses e, para facilitar o manexo do gando, levantouse un curro ou mangada, cunhas dimensións de 30×10 metros. Levouse a cabo con postes de carballo verticais, unidos por táboas horizontais, con cancelas de tubo metálico. Situáronse, así mesmo, tres bebedoiros para gando vacún e un pequeno galpón que pode servir de refuxio para os animais fronte as inclemencias meteorolóxicas.
A intervención completouse coa mellora e recuperación de pistas existentes e a construción doutra perimetral, con fin tanto de frear o deterioro producido polo lume no que atinxe ao aumento da escorrentía e os procesos erosivos como para facilitar o acceso e facer funcións de cortalumes.