Jesús González Vázquez detalla en Bruxelas as claves dunha comercialización intelixente dos produtos das IXP 

O presidente das IXP de Carne de Vacún de Galicia e de Origen España, Jesús González Vázquez, participou o 21 de marzo en Bruxelas na cuarta edición do European Event  on Quality and Origin Products, organizado por AREPO (Asociación de Regiones Europeas de productos con origen).

Baixo o título The key factors of the intelligent marketing strategy of geographical indications (Os factores clave da estratexia de marketing intelixente das indicacións xeográficas) González Vázquez desgranou  as claves das estratexias de comercialización dos produtos das Indicacións Xeográficas Protexidas. “O marketing debe trasladarlle ao consumidor todos os valores asociados ao produto, como tradición, orixe, calidade, reputación e respecto ao  medio e  benestar animal nos seus procesos”, cunha dobre orientación, precisou: informativa e promocional.  

O presidente destacou ante os presentes a necesidade de xerar proximidade entre os produtores e consumidores, co produto como elemento de conexión, e lograr que este xere nas personas sentimentos e emocións. Ademais, Jesús González Vázquez puxo de exemplo as actuacións de promoción da IXP Ternera Gallega e as campañas deseñadas desde Origen España, única asociación que agrupa ás denominacións de calidade alimentarias recoñecidas en España, que son garantía de orixe, tradición, calidade, trazabilidade e reputación.