Carne de Vacún de Galicia, por primeira vez en Alimentaria 

  • O programa da IXP neste Salón internacional incluíu a realización de accións promocionais e informativas para dar a coñecer a carne certificada por Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia.
  • Destacou a celebración de encontros comerciais coa distribución e cos profesionais do sector cárnico catalán.

 

No marco da XXII edición do Salón Internacional de Alimentación e Bebidas Alimentaria 2018, que se está a celebrar en Barcelona, a IXP Carne de Vacún de Galicia asistiu a este evento de referencia no sector da alimentación e desenvolveu un intenso programa de accións promocionais e informativas para dar a coñecer as características e o potencial da carne amparada pola Denominación.

O Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, no que se integran Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia, acudiu a esta cita formando parte do stand institucional da Xunta de Galicia, situado no sector Intercarn (pavillón 5) do recinto feiral. O seu programa de actividades incluiu encontros cos profesionais do sector cárnico catalán  nos que se compartiron puntos de vista sobre as IXP, as novidades sobre a Denominación e a súa actividade.

No stand do MAPAMA

Ademais de estar presente en Intercarn, a IXP formou parte do programa institucional do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. O martes, ás 13 h, o director de promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez, ofrecerá unha masterclass sobre a Indicación Xeográfica Protexida e unha demostración dos cortes alternativos da carne.

Alimentaria permítelle á IXP e ás industrias rexistradas incrementar as súas oportunidades de negocio, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras, presentando a carne a un visitante moi cualificado, con poder de prescrición e compra. Á feira acoden cada ano uns 140.000 operadores do sector agroalimentario de ata 60 países.