O Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia construirá a súa nova sede en terreo cedido polo Concello de Santiago

O presidente de Ternera Gallega e Vaca Galega/Boi Galego, Jesús González, firmou esta mañá un acordo co alcalde compostelán, Martiño Noriega, para edificar a nova sede do Consello Regulador nunha parcela emprestada polo Concello. O terreo, de máis de 1.200 metros cadrados, será cedido durante un prazo de 40 anos; mentres que a titularidade do inmoble pasará a ser do consistorio, aínda que o Consello Regulador terá o dereito real sobre el. 

Con este acordo, o Consello Regulador mantén a súa sede en Santiago. Segundo o presidente, Jesús González, “continuar na capital era a vontade das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega/Boi Galego posto que ambas denominacións conforman un proxecto representativo de toda Galicia”. González agradeceu a colaboración do Concello cunha demanda, dixo, “agardada desde hai anos”. Pola súa parte, o alcalde compostelán, Martiño Noriega, salientou o compromiso do seu goberno cun sector produtivo fundamental.

A concesión demanial da parcela prorrogarase por períodos de 10 anos, mentres se manteñan os fins para os que foi cedida e non se supere o prazo máximo legal de 75 anos.