Sustentabilidade, tendencias no consumo e experiencias produtivas: eixes da Xornada Técnica das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego

- Ao redor de 400 persoas asistiron a este encontro dirixido a toda a cadea de valor, desde a produción, ata a industria, a distribución e os consumidores.
- O presidente do Consello Regulador, Jesús González, subliñou o significativo momento que vive o sector, tendo en conta as novas oportunidades e tendencias de mercado para a carne amparada polas dúas IXP.


O Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, que xestiona e dirixe a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e a Indicación Xeográfica Protexida Vaca Galega / Boi Galego, celebrou o pasado venres, en Lugo, unha Xornada Técnica conxunta, dirixida a gandeiros, profesionais técnicos, industria, distribución e consumidores. A Xornada trazou unha folla de ruta sobre a situación actual das dúas IXP, nun contexto marcado, á vez, pola innovación e o respecto da tradición, a sustentabilidade ambiental, as tendencias de mercado e o consumo da carne amparada polas Denominacións de Calidade.


O presidente do Consello Regulador, durante a presentación da Xornada, describiu brevemente a situación actual, a problemática e as posibilidades produtivas e comerciais das dúas Denominacións, tendo en conta que, no caso da IXP Ternera Gallega, son case trinta anos de funcionamento; mentres que no caso da IXP Vaca Galega / Boi Galego, só leva un ano de actividade e con carácter provisional, xa que se están rematando os trámites para a súa inscrición no Rexistro Comunitario de Indicacións Xeográficas Protexidas.


A Xornada Técnica foi clausurada polo conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, nun acto no que tamén estiveron presentes o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde, o tenente de alcalde de Desenvolvemento Sostible de Lugo, Xosé Daniel Piñeiro Villares, o Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiros e a delegada de Medio Rural en Lugo, Olga Iglesias, entre outras autoridades. Ao seu remate, tivo lugar un xantar de confraternidade para todos os asistentes, ao redor de 400 persoas. A Xornada contou coa colaboración da Xunta de Galicia e doutras entidades como Caixa Rural Galega, Zoetis, Agroseguro e MSD Animal Health.


O seguro do vacún, ferramenta clave na xestión de riscos das explotacións 

A técnica de Agroseguro, Noelia Aparicio, falou do novo seguro que ofrece a súa agrupación para o gando vacún de reprodución e produción. Entre as novidades, destaca que flexibiliza aínda máis a elección das coberturas, increméntase o valor de aseguramento da Raza Rubia Galega e inclúese unha nova garantía adicional, a de privación de acceso a pastos. “Galicia, salienta Noelia Aparicio, é a Comunidade que máis contrata este seguro, algo moi positivo se temos en conta que é un instrumento clave para garantir as perdas dos animais nas explotacións”.


Certificacións ambientais para darlle máis valor ao sector

O xestor medioambiental José Luis Cortiñas falou da importancia das certificacións ambientais na produción de vacún de carne. Revisando a realidade do sector cárnico europeo, obsérvanse grandes diferenzas na velocidade de implantación das certificacións medioambientais entre distintos Estados. Os do Norte e Centroeuropa contan con consumidores máis informados e concienciados coa problemática. O sector de carne de vacún está na lanzadeira polas súas cargas de gases de efecto invernadoiro (GEI) e sobre todo pola súa pegada hídrica. En Galicia “dispoñemos das mellores producións e produtos, pero, ademais de telos protexidos a nivel territorial (IXP) é importante pór en valor as excelencias das nosas terras a través destas certificacións ambientais como información e garantía ao consumidor”, sinalou Cortiñas.


“A calidade ambiental xunto co benestar animal van ser en pouco tempo criterios de formación de prezo das producións cárnicas e un valor máis que deberemos considerar. Un bo abastecemento e pouca dependencia alimentaria, xunto cun bo equilibrio da ración para reducir perdas, compensaría os datos de emisións GEI coa alta calidade organoléptica dos nosos produtos. A nosa gran riqueza de auga doce e excelente biodiversidade dos nosos territorios, ofrecen grandes posibilidades de desenvolvemento de negocio axudando a unha diferenciación positiva das nosas producións e a garantir valores de marca”, engadiu.


O modelo irlandés de ‘Origin Green’, referente en produción sostible

Cecilia Ruiz, directora de Bord Bia España, falou de ‘Origin Green’ como bo exemplo a seguir na produción alimentaria baseada na sustentabilidade, un programa no que o goberno, sector privado e produtores irlandeses decidiron camiñar xuntos, desde 2012, a fin de apostar polas liñas de respecto ao medio natural que marcan cada vez máis as directrices da Unión Europea. “Significa satisfacer as necesidades do presente sen comprometer o futuro”. A iniciativa ten como obxectivo lograr que o 100% das granxas e empresas de fabricación de alimentos se subscriban e respecten os criterios de sostebilidade. É un programa de certificación voluntaria que mide índices como as emisións de gases de efecto invernadoiro, biodiversidade, uso da auga, eficiencia enerxética, xestión do chan e factores socioeconómicos. Despois de cada auditoría, o gandeiro recibe un informe cos resultados de rendemento da granxa que lle permite tomar decisións sobre a sustentabilidade da súa explotación. As vantaxes deste modelo chegan tamén ao consumidor que, a través dun selo identificativo, conta coa seguridade de que o produto que está adquirindo foi producido respectando o medio, cos máis altos estándares de calidade, benestar animal e trazabilidade.


Experiencias na produción de Vaca e Boi en Galicia

Nesta ponencia, dous gandeiros contaron as súas experiencias na cría de bois. Blas Vila, de Monterroso, produtor de Boi Galego, de raza rubia galega e cruzados, é fillo e neto de gandeiros. Encárgase de conservar a tradición de criar bois á antiga usanza, recuperando non só o manexo dos animais, senón tamén escenarios naturais, camiños, pastos, devesas..., co obxectivo final de producir alta calidade partindo de valores e sistemas tradicionais. Tamén falou Eliseo Vázquez, de Paradela, produtor de Boi Galego de raza frisona. Capaz de criar 35 bois nos últimos sete anos, conta cunha amplísima experiencia. Presentou unha valoración de investimentos e retornos, centrada na importancia do manexo e en aspectos tan importantes como a alimentación e o benestar diario dos animais.


A importancia dos elaborados cárnicos de calidade nas novas tendencias de consumo

O presidente de Cedecarne e director xeral de Raza Nostra, Carlos Rodríguez-Marcos, explicou como o vacún de carne se enfronta hoxe en día a un contexto bipolar: por un lado, a un novo consumidor máis crítico e comprometido con cuestións de benestar animal, orixe ou saúde. Polo outro, ábrenselle novas oportunidades de mercado con novas tendencias de cociñado, novos cortes, maior coñecemento das propiedades dos produtos, etc, nun escenario no que as redes sociais poden ser un gran aliado. Neste contorno, “o mercado español non debe perder de vista o que está sucedendo en lugares como Estados Unidos, Europa ou nalgúns países de Asia, onde o consumo de carne de vacún en fresco foi deixando paso hai tempo a outro tipo de elaborados cárnicos, de calidade, onde a conveniencia e a transparencia son atributos cada vez máis valorados polo novo consumidor”, concluíu.