Juárez defende no Parlamento a Lei de Mobilidade de Terras

Juárez defende no Parlamento a Lei de Mobilidade de Terras como instrumento de mellora da competitividade das explotacións agrogandeiras
(mediorural.xunta.es 14/06/2011) Na súa intervención no debate de totalidade do proxecto de Lei o conselleiro do Medio Rural explicou como esta norma fomenta un redimensionamiento da base territorial das explotacións para abaratar custes e mellorar a súa competitividade, ao tempo que contribúe a frear o abandono do rural . Amplíase o ámbito de actuación do Banco de Terras a todas as parcelas con vocación agraria de Galicia.
Proponse un novo marco de colaboración co Estado para poder aproveitar a riqueza produtiva das máis de 320.000 parcelas de propietarios descoñecidos, que suman 5.600 hectáreas de superficie
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, interveu esta mañá no debate de totalidade, no Parlamento Galego, do proxecto de Lei de Mobilidade de Terras, defendendo esta norma como instrumento de mellora da competitividade das explotacións agroganadeiras. Segundo referiu Juárez, os principais obxectivos desta norma –que continuará agora a súa tramitación parlamentaria, tras ser admitida polo pleno– son reforzar a dinamización do agro galego mediante o redimensionamiento da base territorial das explotacións para abaratar custes e mellorar a súa competitividade, ao tempo que se contribúe a frear o abandono do rural.
O aproveitamento e optimización de todo o potencial que ofrece o Banco de Terras como instrumento para incrementar a produtividade e a riqueza do medio rural foi aborda polo miúdo por Samuel Juárez.
Así, as melloras que recolle a nova norma elaborada pola Consellería do Medio Rural, en comparación coa anterior Lei 7/2007, de 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia, estrutúranse en catro eixos fundamentais: a derrogación do dereito de tenteo e retracto, a ampliación da base de actuación territorial e das funcións do Banco de Terras, a capacidade de actuación sobre os bens de propietarios descoñecidos e o fomento de medidas e estímulos que faciliten a incorporación voluntaria de bens ao Banco de Terras por parte dos propietarios.
Tanteo e retracto
O dereito de tenteo e retracto que en virtude da Lei 7/2007 pode exercer o Banco de Terras ante calquera operación de compra-venda de parcelas que se rexistre en Galicia é unha opción preferente de compra da Administración que se considera intervencionista e que está a frear o mercado de terras.
Por un lado, esta norma complica a burocracia administrativa –debido a que en cada operación o Banco de Terras debe comunicar ao propietario a súa renuncia a ese ben– e, por outra, xera un clima de inseguridade e incerteza entre os propietarios, posto que o interese público por unha parcela pode frustrar calquera acordo de compra-venda entre particulares.
Ampliación do ámbito de actuación
Outro dos cambios sustanciais introducidos polo Departamento que dirixe Samuel Juárez radica na ampliación do ámbito de actuación do Banco de Terras, que na Lei 7/2007 estaba limitado á superficie agraria útil dentro das Zonas de Especial Interese Agrario e que na nova norma pasará a comprender todos os predios con vocación agraria de todo o territorio galego. Así, facúltase ao Banco de Terras a actuar en superficies forestais e incluso en zonas cualificadas como urbanas, que na actualidade están a ser empregadas con uso agrario.
A diferenza coa Lei 7/2007, o proxecto da Lei de Mobilidade de Terras tamén prevé un novo marco relacional entre a Xunta de Galicia e o Goberno Central para posibilitar a mobilización e o aproveitamento das 320.000 fincas rústicas existentes en Galicia de propietarios descoñecidos, que suman unha superficie de 5.600 hectáreas. Neste eido, a Consellería do Medio Rural pretende que o Banco de Terras –sen pór en discusión a titularidade dos predios– poida xestionar toda esa superficie de propietarios descoñecidos para aproveitala dende un punto de vista produtivo, contribuíndo a mellorar as condicións de cultivo e a incrementar o seu valor.
Máis funcións para o Banco de Terras
Ao obxecto de ampliar as funcións do Banco de Terras e impulsar a incorporación dos bens por parte dos propietarios, a nova lei establece diversas medidas de estímulo, como garantirlle aos propietarios das terras a percepción dos prezos de referencia polo arrendamento dos seus bens –con independencia de que o importe acordado entre ambas partes ou ofertado polo potencial arrendatario sexa superior–. Con esta medida, o prezo pasará a ser un factor de concorrencia á hora de optar máis dun arrendatario ao mesmo predio, o que incrementará o atractivo do Banco de Terras para os propietarios que queiran incorporar as súas fincas, xa que poderán obter do arrendamento das mesmas un beneficio económico maior.
Por outra banda, a nova lei faculta ao Banco de Terras para ofrecer servizos de intermediación entre terceiros para o arrendo ou aluguer de instalacións vencelladas ás explotacións agrarias. Ademais, tamén dará soporte legal aos traballos de investigación e clarificación da propiedade das terras, que ata o de agora só podían facerse por parte da Comunidade Autónoma a través do Decreto de Concentración Parcelaria.
Coa finalidade de fixar poboación e de xerar riqueza no territorio rural, o Banco de Terras tamén ampliará os destinos e usos das parcelas incorporadas e arrendadas máis aló do uso agrario xa recollido na Lei 7/2007. Así, o Banco de Terras poderá actuar sobre predios que teñan unha clara vocación de ser empregados para a conservación da natureza e do patrimonio histórico ou a ordenación de fincas forestais, entre outros moitos usos.
Doazón de fincas a outras administracións
Coa nova norma, poderanse doar masas comúns propiedade do Banco de Terras a entidades locais se estas teñen un fin ou interese social ou medioambiental. Moitas destas fincas xa están ocupadas hoxe en día por auditorios, cemiterios, campos de fútbol, etc..., e sería un xeito de regularizar esta situación. Neste momento existen case 400 peticións de concellos para esta cesión.
Finalmente, a Lei de Mobilidade de Terras tamén elimina as Zonas de Especial Interese Agrario (ZEIA), que tal e como figuraban na Lei 7/2007 estaban a provocar discriminacións entre comarcas en cuestións como a aplicación do dereito de tenteo e retracto. Pola contra, establece a posibilidade de decretar Zonas de Actuación Agraria Prioritaria coa finalidade de adoptar nesas áreas medidas dinamizadoras e de reactivación da economía rural baseándose nos especiais valores agrarios ou medioambientais das mesmas.