O Consello Regulador, presente en GandAgro 

Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego participaron na terceira edición de GandAgro, celebrada en Silleda entre o 21 e o 23 de febreiro. Cada ano, consolídase como unha feira de referencia para profesionais do campo, xa que engloba cuestións do seu interese respecto á maquinaria agrícola, á gandaría e á agricultura. As dúas Denominacións formaron parte do stand institucional da Consellería de Medio Rural, compartindo espazo con Lacón Galego, co obxecto de promocionar os produtos galegos con calidade diferenciada. 

As IXP de Carne de Vacún de Galicia informaron aos asistentes sobre as características propias de cada selo, o tipo de animais e razas admitidos e sobre o sistema de control e de trazabilidade que realiza o Consello Regulador para garantir a calidade final das carnes amparadas. Unha labor informativa que se enfocou, con especial interese, nos gandeiros, para explicarlles os requisitos de acceso a Vaca Galega / Boi Galego e fomentar as inscricións na nova IXP. Ademais, Ternera Gallega ofreceu dúas demostracións culinarias cada día da feira, que se encheron en tódalas convocatorias, coa asistencia dunhas 30 persoas en cada unha. Nestas actividades, o Consello Regulador seguiu afondando na divulgación dos cortes alternativos, poñendo en valor as pezas do canal menos coñecidas e demostrando as súas posibilidades gastronómicas. 

Nesta edición, GandAgro recibiu preto de 18.800 visitantes, cun perfil cada vez máis profesional, segundo a organización, o que da boa resposta aos obxectivos das diferentes empresas e entidades expositoras.