Novo impulso á campaña con Gómez Noya

Arrinca o segundo ano de unión entre a IXP e o campión mundial de triatlón, Javier Gómez Noya. Unha nova etapa na que a imaxe do deportista seguirá vinculada á de Ternera Gallega para, xuntos, fomentar os hábitos de vida saudables, apoiados nunha alimentación sa e equilibrada e na práctica do deporte. A campaña difundirase, coma no 2018, a través dos medios tradicionais e online, e mediante publicidade exterior.

Desde febreiro, o spot protagonizado por Gómez Noya xa se está emitindo na TVG, nas súas diferentes versións e duracións, en formatos de 10 e 20 segundos e de 1 minuto. Continuará en antena durante os meses de marzo e abril; e ademais, difundirase no entorno dixital e desde as redes sociais propias da IXP.

Neste mes de marzo, a campaña vese reforzada tamén mediante accións de publicidade exterior, coas que se colocarán máis de 200 valados repartidos en diferentes localidades da Comunidade Valenciana e Murcia. Trátase dunha área de gran relevancia para Ternera Gallega xa que, despois de Galicia, é a zona onde se concentra o maior número de establecementos con imaxe corporativa.

A unión entre a IXP e Gómez Noya, cinco veces campión do mundo, medalla de prata nos Xogos Olímpicos e catro veces campión de Europa, vai continuar durante todo o ano. Ás iniciativas publicitarias uniranse outras actividades de formación e divulgación que contarán coa presenza do ferrolán.