Vaca Galega / Boi Galego, novidade no Fórum Gastronómico

Ante máis de 60 persoas, a IXP Vaca Galega / Boi Galego ofreceu unha masterclass de cortes alternativos enfocada ao público profesional: representantes do sector cárnico, da restauración e xornalistas e bloggers gastronómicos. Dirixiron a cociña Javier Rodríguez Ponte “Taky”, do grupo Nove, e Héctor López, do Restaurante España, en Lugo. Ademais de informar sobre as características propias da IXP, cada un encargouse dunha carne diferente, de forma que Taky traballou a Vaca Galega e Héctor López, o Boi Galego. Ambos empregaron cortes pouco habituais para demostrar as súas posibilidades culinarias máis alá dos tradicionais chuletóns.

Da Vaca Galega, Taky escolleu pezas como a picaña ou a culata, con preparacións á prancha e en guiso. Como peculiaridades, presentou un tataky feito con croca no canto do habitual solombo e unha infusión de culata de contra, que concentra un intenso sabor. Héctor López preparou un steak tartar de babilla de Boi Galego, fuxindo tamén das pezas usadas normalmente para este prato. Seguiu cun Ravioli feito co costelar e cunha llana á prancha. Algunhas das receitas elaboráronse con outros produtos galegos de calidade diferenciada, como as IXP Castaña de Galicia, Fabas de Lourenzá e Pataca de Galicia, e a DOP San Simón da Costa. Acompañáronse con viños das DO Monterrei e Rías Baixas e o toque doce púxoo a Tarta de Santiago con IXP.

O Fórum Gastronómico é un dos eventos culinarios máis destacados do panorama nacional, ao que acoden recoñecidas empresas dos sectores da distribución, a produción de alimentos e bebidas, o foodservice e o equipamento e maquinaria, cun programa de actividades protagonizadas por destacados chefs. Nesta edición, celebrada en Expocoruña, achegáronse unhas 24.000 persoas, superando a cifra de visitantes de 2017.