Os segredos da carne quedan ao descuberto no XuvenCiencia

Regresa o campus de verán da USC e Ternera Gallega participa, de novo, no seu programa de actividades, que se desenvolve durante toda esta semana no Campus Terra de Lugo. O obradoiro da IXP será o xoves pola mañá na Facultade de Veterinaria, dentro dos talleres dedicados á Calidade e Seguridade Alimentaria. XuvenCiencia diríxese aos alumnos de 4º da ESO e 1º de BAC, co obxectivo de achegalos á ciencia e á tecnoloxía dun xeito práctico, fomentando o seu interese nas titulacións científicas e sociais.

A IXP impartirá unha clase teórica e práctica sobre as características propias do vacún galego certificado, a súa forma de produción e o manexo tradicional dos gandeiros galegos. Abordaranse tamén cuestións técnicas respecto ao sistema de control establecido polo Consello Regulador; desde o programa de vixilancia de substancias e benestar animal ata as análises e as probas de ADN que realiza o laboratorio de Veterinaria (LHICA) para seguir a trazabilidade da carne amparada.

Co produto na man, os alumnos poderán aprender os procesos que acontecen na carne ao longo das diversas fases comerciais, especialmente durante a súa maduración. Momento clave e destacado a nivel técnico, polo que o músculo se converte en carne co paso dos días, e outorga a moleza ideal para o seu consumo. Este proceso afecta ás cualidades organolépticas de Ternera Gallega, que tamén se tratarán no obradoiro, xunto coas cuestións nutritivas. A IXP vai explicar aos estudantes as diferentes investigacións científicas realizadas neste senso, que conclúen que a carne certificada posúe proteínas de alta dixestibilidade, vitaminas do grupo B e minerais, como o fósforo. Os propios alumnos traballarán coa carne, ao corte e no cociñado, e encargaranse de preparar Ternera Gallega á prancha para dar de comer aos seus compañeiros e profesores, unhas 200 persoas.

Un curso atractivo e renovado

XuvenCiencia desperta gran interese entre os estudantes preuniversitarios, ao ofrecer actividades didácticas e aloxamento no Campus para fomentar a convivencia e as experiencias compartidas. Este ano, logrou un récord de preinscricións, xa que recibiu máis de 300 solicitudes para as 150 prazas que oferta. Ademais, vén de renovar a súa imaxe corporativa e a súa páxina web: máis fácil de consultar e mellor estruturada.

O obradoiro suma xa a súa sétima edición familiarizando aos rapaces de entre 15 e 16 anos coa investigación científica e as carreiras desta rama. Conta, tamén, cun programa específico para os veteranos, aqueles estudantes de 2º de BAC que xa participaron outros anos e queiran repetir.