Ternera Gallega, goce sensorial na Semana Verde 2011
A IXP participou na trixésimo cuarta edición da Feira Internacional Semana Verde de Galicia.
Dentro do programa de presentacións, en colaboración coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a IXP Ternera Gallega protagonizou, o pasado 17 de xuño, unha maridaxe lúdico-gastronómica coa Denominación de Orixe Ribeira Sacra e a Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón. Baixo o título “Un pracer para os sentidos”, a iniciativa institucional persegue dar a coñecer e poñer en valor os produtos galegos con indicativo de calidade.
Un pracer para os sentidos
Durante a presentación e demostración na que houbo ocasión para interactuar co público e achegar en directo a elaboración de varios pratos, os asistentes puideron degustar Ternera Gallega en harmonía cos Pementos de Herbón e os viños da Ribeira Sacra. Os pratos presentados foron: unha brocheta de Ternera Gallega, un montadiño de lombo de Ternera Gallega, o filete de vacio á grella con Pementos de Herbón en tempura e finalizouse cun xarrete estufado. Cada uns destes pratos foron acompañados con viños amparados pola D.O. Ribeira Sacra. Con esta presentación, quérense dar a coñecer as inmensas posibilidades gastronómicas que teñen os produtos galegos con indicativo de calidade e o acertado da súa combinación con fin de elaborar menús que teñan como protagonistas produtos amparados por Denominacións Galegas.
O director de Promoción da IXP, Luís Vázquez, foi o encargado da explicación das características organolépticas da carne amparada por Ternera Gallega, facendo un percorrido desde o produto menos feito ata o máis cociñado e incidindo nas súas principais cualidades: terneza, xugosidade e elevado sabor; así como de expoñer os aspectos de control, trazabalidade e outras cuestións de carácter técnico que atinxen á carne de calidade da Denominación, tales como o tipo de corte, o grao de maduración óptimo e as temperaturas de cociñado e servizo.