Benestar animal, impacto ambiental, bioseguridade e contratos alimentarios centran a Xornada Técnica das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega/Boi Galego

O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego celebrou hoxe, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, unha Xornada Técnica conxunta dirixida a gandeiros, profesionais técnicos, industria, distribución e consumidores. O encontro, que reuniu ao redor de 400 persoas, serviu para coñecer e debater sobre a situación do sector na actualidade.

Durante a Xornada, tratáronse temas tan importantes como o impacto medioambiental da produción de carne de vacún; o benestar animal como elemento diferenciador e xerador de valor; a bioseguridade nas gandarías de vacún e o uso responsable de antibióticos; os contratos alimentarios e a súa aplicación no vacún de carne; ou a situación do mercado e as tendencias evolutivas en canto ao consumo de carne de vacún.

O presidente do Consello Regulador, Jesús González, falou da situación normativa das dúas IXP, do escenario actual no sector e das posibilidades produtivas e comerciais das dúas Denominacións de calidade. O enorme potencial do sector, marcado polas tendencias globais do consumo, pola protección e defensa da natureza e do medio ambiente, pola xeración de riqueza e mantemento da poboación no medio rural e pola innovación e o benestar animal, condicionan o rigor e a profesionalidade do traballo de todos os axentes da cadea, asegurou.

No acto de clausura estiveron o presidente do Consello Regulador, Jesús González; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Manuel Rodríguez; a subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez; o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiros; o tenente de Alcaldesa do concello de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente fundador da IXP Ternera Gallega, Maximino Viaño. Tamén asistiron a xefa territorial da Consellería do Medio Rural en Lugo, María Olga Iglesias; o presidente de Acruga, César Dorado e o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela. Ao remate, tivo lugar un xantar de traballo para todos os asistentes. A Xornada contou co apoio e colaboración da Consellería do Medio Rural e doutras entidades como a Caixa Rural Galega, Zoetis, MSD Animal Health e o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, onde tivo lugar.

Bioseguridade, como evitar infeccións e a súa propagación

O profesor titular de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández, explicou que a bioseguridade é o conxunto de medidas que se poden adoptar para evitar a entrada de infeccións e, no caso de que entren, para impedir a súa diseminación na explotación. Entre as medidas máis eficaces sinalou o control da entrada de animais, evitar o contacto con outras especies, o control de visitas externas á explotación ou o control no subministro de penso e auga ao gando. A limpeza e a desinfección, a bioseguridade do persoal da explotación e o manexo axeitado dos animais están entre as medidas que contribúen a diminuír a diseminación dunha infección.

O relator tamén falou do Plan nacional fronte á resistencia aos antibióticos e do seu uso responsable, no novo marco lexislativo europeo que rexerá ata o 2022, que introduce unha prohibición do uso preventivo de antibióticos en grupos de animais e o uso de antimicrobianos para promover o crecemento e aumentar o rendemento. Ademais, referiuse ás medidas recomendadas en granxa para o almacenamento, o rexistro de medicamentos e a identificación dos animais en tratamento, así como a realización periódica de diagnósticos polos veterinarios.

Impacto ambiental da gandaría: datos e realidades

O especialista do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, César Resch, desterrou unha serie de mitos sobre a contaminación que produce a gandaría e o seu dano ambiental. Deste xeito, referiuse a tres ‘medias verdades’:

- “A gandaría é responsable da emisión de gases de efecto invernadoiro”. En efecto, a gandaría e a agricultura son responsables, ambas, dun 12% das emisións globais en España. Sen embargo, están lonxe de ser a fonte principal de emisión, e ademais están por debaixo doutros sectores como o transporte, a industria manufactureira e a construción. A verdadeira ameaza para o cambio climático son os combustibles fósiles, pero vense “opacados”, dixo, pola guerra, difícil de entender, dalgúns medios de comunicación e diferentes entidades contra o gando.

- “Para producir un quilo de carne son necesarios 15.000 litros de auga”. O gando vacún é un dos máis eficientes no uso da auga, porque de cada litro que bebe unha vaca: o 14% é devolto en forma de ouriña, como fertilizante; o 44% en feces, como materia orgánica; o 25% no leite; e só dedica o 17% restante ao proceso biolóxico de respiración e transpiración. No caso da nosa gandaría de vacún de carne, baseada no pastoreo, sería incluso algo máis eficiente, por ser un modelo produtivo totalmente diferente dos modelos baseados en macrogranxas e miles de vacas en zonas semidesérticas ou de páramo que compran e/ou regan para obter todas as forraxes.

- “A gandaría utiliza demasiada terra cultivable”. Trátase doutra afirmación sen base científica, segundo o experto, xa que a realidade no mundo occidental é que cada vez se produce máis cantidade de proteína animal con menos cabezas de gando e con menos superficie. No caso de Galicia, o 70% do alimento que consume o gando vacún son forraxes cultivadas no entorno das granxas, dentro dunha economía circular sustentable. Ademais, moitos dos terreos que se utilizan para alimentar o gando son terras marxinais ou apenas aptas para o cultivo de vexetais para o ser humano.

Benestar animal e a súa necesaria certificación

O director de Provacuno (Interprofesional do Vacún de Carne), Javier López, falou do obrigado cumprimento, máis alá de prácticas éticas e sustentables, do benestar animal nas explotacións. Unha realidade cada vez máis esixida e valorada polos consumidores en España e nos países occidentais. Nos últimos anos, obsérvase unha lixeira caída do consumo de carne derivada dunha tendencia á humanización dos animais e a percepción de que a “carne artificial” (de laboratorio) é eticamente impecable. Fronte a esta situación, o papel da Interprofesional (e tamén das IXP) debe ser o de traballar por e para a defensa do sector e colaborar en darlle garantías ao consumidor sobre a calidade de vida dos animais e o seu benestar integral.

Referiuse, neste senso, á importancia da certificación e á creación do selo “Compromiso Bienestar Animal”, como un movemento conxunto de varias interprofesionais e recoñecido por ENAC para asegurar de maneira probada o benestar animal. E tamén falou do proxecto encargado por Provacuno ao Seprona, no ano 2018, para preparar un mecanismo que permita coñecer e valorar o benestar en granxas de cebo de bovino, baseado en obxectivos concretos e variables cuantificadoras.

Os contratos alimentarios no vacún de carne

A directora da Agencia de Información e Control Alimentarios (AICA), Gema Hernández, explicou o papel deste organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, encargado de velar para que as relacións comerciais entre produtores, industria alimentaria e distribución sexan xustas e equitativas e que non se produzan desequilibrios entre os diferentes axentes. A AICA, que fixa cando se está ou non obrigado a facer contratos e que deben conter, supervisa e controla o cumprimento da Ley de la Cadena Alimentaria, de 2013, que incorpora novas “regras de xogo” sobre as que deben baseárense as relacións comerciais. Estas novas normas, máis estritas e tendentes a corrixir desequilibrios, inclúen aspectos como que o contrato debe ser escrito; que os prezos estean fixados entre ambas partes; controla o incumprimento de prazos de pago e impón sancións cando é necesario.

Situación actual dos mercados

Javier López, como director de Provacuno, foi tamén o encargado de comentar a situación actual dos mercados e a evolución do consumo de carne de vacún, caracterizado polo seu estancamento. Non cabe a menor dúbida que as noticias negativas en relación coa carne e co gando vacún, en moitos casos sesgadas, afectan ao consumo e á percepción da carne como un alimento primordial nunha dieta moderna caracterizada pola súa variedade e equilibrio.

Como resposta a esta conxuntura, desde Provacuno acaban de lanzar a campaña ‘Fans del vacuno’ para trasladarlle aos consumidores, a través de diferentes documentais e coa participación de cociñeiros e investigadores medioambientais entre outros, a realidade do sector en temas como benestar animal ou coidado do medio ambiente, e tamén o valor nutricional da carne de vacún.