Cociña saudable e sostible en Xantar

Ao redor de 30 persoas asistiron este domingo ao showcooking ofrecido por Ternera Gallega na 21ª edición do Salón de Turismo Gastronómico de Ourense. A través de propostas moi variadas, o cociñeiro José Manuel Mallón presentou pezas singulares, das menos coñecidas do canal, para amosar ao público a versatilidade da carne amparada. Cortes innovadores preparados, ademais, de xeito saudable e mediante receitas encamiñadas a reinventar as sobras doutras comidas.

Nesta liña de cociña de aproveitamento, o chef de Ternera Gallega propuxo un Sandwich Club, elaborado a partir dunha peza de contra asada, e unha espiral de tapa rechea con Grelos de Galicia IXP e xeado da DOP Pemento de Herbón. Como outros cortes singulares, José Manuel Mallón presentou un filete de tapa da pa (llana), un entrecosto de corte redondo e unha bavette; feitos, simplemente, á grella, volta e volta, co obxectivo de resaltar o seu sabor e moleza propios. O último prato foi máis tradicional e propio para o inverno: un guiso de agulla con Castañas de Galicia. Co que sobre, o chef suxire preparar uns canelóns ou un bocadillo con pementos asados.

As propostas gastronómicas de Ternera Gallega maridaron con viños das Denominacións de Orixe Valdeorras e Ribeira Sacra, nunha cata dirixida polo director técnico do Consello Regulador valdeorrés, Jorge Mazaira.

Propiedades nutricionais

Cada receita permitiu recalcar as características nutricionais que achega a carne certificada, dentro dunha alimentación sa e equilibrada. O director de promoción da IXP, Luis Vázquez, lembrou que Ternera Gallega aporta proteínas de gran dixestibilidade e alto valor biolóxico, ademais de vitaminas do grupo B e minerais. Tamén destacou que, segundo demostran os estudios realizados no CIAM, presenta niveis baixos de graxa, de menos do 2 %, con perfís lipídicos considerados saudables.  

Un Salón de prestixio

Xantar pechou a súa 21ª edición con case 25.000 visitantes, superando así as cifras de anos anteriores. As actividades incluíron exhibicións gastronómicas de cociñeiros de España, Portugal, Costa Rica, México, Perú e Chile, ademais de catas de diferentes produtos. Neste 2019, o Salón centrouse en destacar o importante papel do sector culinario e do turismo local na dinamización do medio rural e en respaldar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade.