Aberto o prazo para solicitar as axudas aos novos inscritos nas IXP

Dende hoxe, os novos gandeiros e agricultores incorporados aos selos de calidade poden presentar a solicitude de axudas que outorga a Consellería do Medio Rural. Como novidade este ano, son os propios produtores, tanto persoas físicas como xurídicas, os que deben realizar esta solicitude de xeito electrónico neste enlace da sede online da Xunta; onde se indica a documentación necesaria para xestionar a axuda. Así, a diferencia dos anos anteriores, o Consello Regulador non poderá tramitar as solicitudes en nome dos gandeiros inscritos en Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego.

O prazo para presentar estas axudas remata o vindeiro 15 de maio e comprende como período subvencionable dende o 1 de maio do 2019 ata o 30 de abril deste 2020. Coma na convocatoria do ano pasado, só se admitirán as solicitudes que superen os 50€

As condicións

A través da AGACAL, a Consellería do Medio Rural publicaba onte no DOG esta convocatoria de axudas, dotadas con 190.000 euros e cofinanciadas con fondos Feader. Poden ser beneficiarios os titulares de explotacións que se incorporaran a unha IXP ou DOP despois do 18 de novembro de 2015 e que estean en activo. Os custos subvencionables son os derivados da inscrición no selo de calidade e a cota anual de participación. Con estas achegas cóbrese o 100% dos gastos subvencionables, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de 5 anos.

No exercicio anterior, recibiron esta axuda máis de 700 novos inscritos en Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego. Xa que agora deben tramitar a solicitude os propios gandeiros, para calquera dúbida poden poñerse en contacto co Consello Regulador nos teléfonos habituais: 981 575786 e 981 574899.