Carne certificada na meta da Gran Bikedada

Un ano máis, a IXP Ternera Gallega colaborou coa carreira solidaria da Gran Bikedada, que se celebraba este domingo en Vigo e que sumou xa a súa sétima edición. Unha nova cita co ciclismo máis esixente, cunha proba que cubriu o percorrido entre a cidade olívica e o embalse de Eiras, en Fornelos de Montes, pasando por Redondela e Pazos de Borbén. Ao remate da carreira, os case 700 inscritos puideron repoñer forzas cunha degustación de carne certificada.

Ademais do reto deportivo, participar na Gran Bikedada supón apoiar unha causa social. A entidade organizadora, Social Ciclismo Fan Manager, ten por obxectivo promover proxectos humanitarios en rexións en desenvolvemento, principalmente en Centroamérica. Por iso a carreira non ten carácter competitivo, aínda que si se contabilizan os tempos dos participantes nos pasos de control inicial e final e en dous puntos do percorrido.

A esta edición da Bikedada apuntáronse nomes destacados como Gustavo César Veloso ou ex ciclistas profesionais como Gonzalo Aguiar, Ramón Troncoso ou Moisés Leboso. A carreira ten 3 modalidades diferentes: gran fondo, con 100 km de distancia e a que acolleu a máis participantes; fondo, con 69,3 km, e medio fondo, con 42,6 km.