Ternera Gallega crece no campo e mantén as súas cifras no mercado

    • En 2019, a IXP medrou tanto no número de explotacións activas como sobre todo no de tenreiros rexistrados, con incrementos próximos ao 2 %.

    • A Indicación Xeográfica Protexida Vaca Galega / Boi Galego continúa cun crecemento moderado, mentres avanzan os trámites para o seu rexistro na Unión Europea.


Ternera Gallega pechou o ano 2019 crecendo no campo e mantendo as súas cifras no mercado. Tanto o número de explotacións activas como o número de tenreiros rexistrados medraron de maneira significativa, con valores ao redor do 2 %, acadando as 8.298 explotacións inscritas con actividade e os 135.263 animais controlados. 

As cifras no mercado permaneceron practicamente similares ás do ano 2018, o que demostra a confianza dos consumidores na IXP e que cada vez son máis os que demandan produtos con calidade certificada, a pesar da presión a diferentes niveis que sofre o consumo de carne na actualidade e das novas tendencias comerciais e gastronómicas. 

No pasado exercicio, a IXP Ternera Gallega conmemorou os seus 30 anos de actividade, ao longo dos cales se mantivo como a Denominación de Calidade de referencia no sector da carne de vacún en España, significando un 55 % da carne comercializada con IXP e cun valor económico en primeira venda de 123 millóns de euros

Respecto á IXP Vaca Galega / Boi Galego, rematou o 2019 con 796 explotacións inscritas con actividade e cun crecemento tanto do número de industrias inscritas (28), como dos animais rexistrados (4.982), das canais certificadas (466) e das toneladas de carne comercializadas (192).  

Estes son os principais datos presentados esta mañá polo presidente do Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, quen estivo acompañado polos demais membros do pleno e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez. 

 

As cifras da IXP Ternera Gallega 

No tocante ao número de animais rexistrados, a Denominación pechou o exercicio con 135.263 cabezas e cun total de 8.298 explotacións gandeiras inscritas. Isto significa que se identificaron 2.395 xatos máis e que se inscribiron 99 explotacións de vacún de carne a maiores en Ternera Gallega. 

En canto ao número de canais certificadas e as toneladas de carne comercializadas, os datos foron lixeiramente inferiores aos do ano anterior, con diferenzas insignificantes de apenas un 0,5 %, acadando as 96.104 canais certificadas e as 21.235 toneladas comercializadas. Con respecto ao valor económico en primeira venda da carne comercializada, este foi de 123 millóns de euros.

A evolución dos prezos en orixe mantivo a estabilidade de anos anteriores, con oscilacións maioritariamente entre os 4,30 e os 5 €/kg canal, dependendo da tipoloxía dos animais (Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema). Pero o nivel de prezos actual ten que mellorar, xa que deles depende a continuidade dun bo número de explotacións gandeiras.

No referente ao sector industrial, están inscritas actualmente na IXP 96 entidades, manténdose practicamente constante o número de matadoiros, mentres que aumentaron as salas de despece e diminuíron lixeiramente as comerciais cárnicas. Neste sector vótase en falta unha aposta máis decidida polos elaborados cárnicos e por abrir novos mercados.

En canto aos establecementos coa imaxe corporativa da IXP Ternera Gallega, a cifra creceu ata situarse en 1.416, predominando a comercialización da carne certificada nas cadeas de supermercados, nas carnicerías tradicionais e nos hipermercados, por esta orde; espallados por toda España, principalmente en Galicia, Levante e zona Centro. A exportación oscilou ao redor do 3-4 %, dirixida a Alemaña, Portugal e Andorra.

A nivel territorial, Lugo continúa a ser a provincia con maior peso, tanto no aspecto produtivo (57 %) como no industrial (46 %). No campo, predominan as explotacións tradicionais con vacas nais, principalmente da raza Rubia Gallega e cruzadas; e a nivel comercial as categorías principais son Ternera Gallega Suprema (52 %) e Ternera Gallega (48 %). 

En materia de promoción, a IXP organizou clases mestras a nivel nacional da man do triatleta Javier Gómez Noya, embaixador da Denominación, no marco da campaña na que se uniron para fomentar unha alimentación equilibrada e a práctica do deporte. Tamén continuou a campaña “Carnes con estilo”  iniciada en 2018, en colaboración coa IXP Ternasco de Aragón, para resaltar de maneira conxunta a importancia dos selos de calidade garantida regulados pola Unión Europea. Seguíronse poñendo en valor aquelas pezas e cortes menos coñecidos mediante actividades de demostración dirixidas a profesionais e consumidores,  como tamén se realizaron campañas divulgativas nos medios de comunicación e de promoción exterior en Murcia e na Comunidade Valenciana. Sen esquecer o Plan de Internacionalización a través de misións comerciais inversas e a organización de presentacións profesionais en Alemaña; a participación nas principais feiras alimentarias e gastronómicas de referencia no sector e a promoción nos medios dixitais. 

 

Principais datos da IXP Vaca Galega / Boi Galego

Durante o 2019, que foi o segundo de funcionamento da Denominación, seguiu o proceso de recoñecemento e rexistro de Vaca Galega / Boi Galego ante a Comisión Europea, á vez que continuou a posta en marcha da nova IXP en base á Protección Nacional Transitoria coa que se conta, co obxectivo de fomentar esta produción e protexela para xerar riqueza nas explotacións gandeiras, evitando a competencia desleal, a picaresca comercial e o mal uso no mercado do nome  de “Galicia”. 

Ao longo do pasado exercicio, inscribíronse nos rexistros do Consello Regulador 113 explotacións a maiores, chegando ás 796, e rexistráronse un total de 4.982 animais máis (4.706 vacas e 276 bois). Unhas cifras que é preciso seguir incrementando dada a potencialidade do sector. Tamén continuou medrando o número de industrias e comerciais cárnicas inscritas, de canais certificadas e de toneladas de carne comercializadas.

Na presentación destes datos, o presidente do Consello Regulador, Jesús González, salientou que a carne de vacún maior ten cada vez máis protagonismo nas cadeas de distribución e sobre todo na restauración especializada, polo que garantíndolles aos consumidores a súa orixe e trazabilidade e logrando o posicionamento da IXP, Galicia pode ser líder tamén na produción desta carne. 

 

Programa de control 

Durante o pasado exercicio, o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia continuou facendo un esforzo significativo en canto a control. No caso de Ternera Gallega, fixéronse 22.379 inspeccións, tomáronse 2.532 mostras e realizáronse 3.096 análises e 2.074 probas de ADN.  Por outra banda, na recente creada IXP Vaca Galega/Boi Galego fixéronse 560 inspeccións e 31 probas de ADN.

O Programa de Control que se desenvolve é fundamental para garantir a orixe, a trazabilidade e a calidade da carne amparada, para poderlles ofrecer aos consumidores as máximas garantías e contar coa súa confianza. 

Ademais, o Consello Regulador desenvolve unha labor formativa cos gandeiros, coas industrias cárnicas, coa distribución e cos consumidores, que é fundamental para mellorar os sistemas produtivos e para dar a coñecer a carne certificada; sen esquecer as diferentes actuacións e liñas de  colaboración coa sociedade, tanto a nivel deportivo como cultural ou social.

 

Retos 2020 

Para este ano, o Consello Regulador asume entre os seus retos principais a aposta pola sustentabilidade da produción cárnica de calidade, o benestar animal, un maior compromiso medioambiental e a bioseguridade nas explotacións. Tamén avoga polo desenvolvemento de produtos elaborados de alta calidade e valor engadido a partir da carne amparada polas IXPs Ternera Galega e Vaca Galega / Boi Galego; sen esquecer a necesidade dun Plan Estratéxico para o sector de vacún de carne galego.  

Centrados en Ternera Gallega, é necesario apostar pola regularización produtiva nas explotacións inscritas; potenciar o seu Plan de Internacionalización, coa consolidación en Alemaña e a apertura a outros mercados; e reforzar a imaxe e o prestixio da Denominación, mediante unha campaña publicitaria a nivel nacional en televisión. No caso de Vaca Galega / Boi Galego, continuarase traballando tanto na súa implantación no campo como en lograr o compromiso da industria cárnica galega para o seu posicionamento no mercado, sen esquecer seguir adiante cos trámites que requira a Comisión Europea para a inscrición da IXP no Rexistro comunitario.