O Día da Muller conmemorouse en Ponteceso xunto a Ternera Gallega

A Indicación Xeográfica Protexida ofreceu unha charla sobre a carne certificada, dentro das actividades organizadas pola Casa da Muller e o Concello de Ponteceso con motivo do 8M. Un obradoiro de acceso libre e gratuíto, que se celebrou o venres da man do director de Promoción, Luis Vázquez, e que tivo continuidade o domingo pola mañá cunha degustación de carne ao caldeiro, tamén coa colaboración de Ternera Gallega.

Baixo o título “As carnes de calidade: aspectos nutricionais e culinarios”, a charla centrouse en información de interese para os consumidores, lembrando especialmente as propiedades nutricionais de Ternera Gallega: desde o seu aporte de proteínas e vitaminas ata os seus baixos niveis de graxa. O director de Promoción da IXP tamén recordou a importancia de que os consumidores se fixen nas etiquetas para asegurarse de que compran carne de calidade certificada e ofreceu consellos de corte e cociñado para sacarlle o máximo partido gastronómico. Ademais, destacou a relevancia da muller no rural e resaltou o traballo das gandeiras inscritas en Ternera Gallega.

Os actos conmemorativos do Día da Muller continuaron o domingo con actuacións teatrais e musicais e con presentacións literarias sobre o papel das mulleres na historia e na cultura de Galicia, lembrando á artista de Bergantiños, Asunción Antelo.