As axudas aos novos inscritos poderán solicitarse mentres continúe o estado de alarma

O prazo para presentar as axudas ás novas incorporacións nas IXP ou DOP permanecerá aberto tanto tempo como dure o estado de alarma. Orixinalmente, o vindeiro venres, 15 de maio, remataba o período para solicitar estas achegas; pero dada a situación actual, na que os prazos administrativos se atopan suspendidos, os gandeiros e agricultores poderán seguir entregando a documentación necesaria.

Amplíase a data de presentación pero mantense o período a subvencionar, que segue comprendendo desde o 1 de maio do 2019 ata o 30 de abril deste 2020. Como novidade nesta convocatoria, son os propios produtores os que deben solicitar as axudas de xeito electrónico neste apartado da sede online da Xunta. 

Requisitos 

Ao igual que o ano pasado, admitiranse as solicitudes que superen os 50 euros. Poden presentalas os gandeiros ou agricultores que se incorporaran a un selo de calidade despois do 18 de novembro de 2015 e que continúen en activo. 

Estas axudas cobren os custos derivados da inscrición e a cota anual de participación. No 2019, recibíronas máis de 700 novos inscritos en Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego.