Novo plan de promoción para os alimentos galegos con selo de calidade

O Consello Regulador das IXP de Carne Vacún de Galicia participou na videoconferencia que o conselleiro do Medio Rural mantivo cos representantes dos distintos selos de calidade para coñecer o novo plan de promoción, venda e internacionalización destes produtos. Segundo explicou José González, destinaranse 10 millóns de euros para facer fronte ás consecuencias da crise sanitaria provocada pola Covid-19.

Este plan porá en valor a calidade agroalimentaria da comunidade, potenciando a marca Galicia Calidade, onde se englobarán os produtos do sector primario para mellorar o seu posicionamento. Tamén baixo este paraugas, segundo o conselleiro, se reforzará a presenza da industria para gañar en competitividade. 

José González indicou, nesta reunión, que se levará a cabo un plan de internacionalización, con estudios de mercado, asesoramento e misións comerciais. Por outra banda, a Consellería contempla crear unha plataforma dixital para comercializar os alimentos galegos, agrupando a diversos produtores, e desenvolverá unha campaña de promoción fóra de Galicia, tanto en puntos de venda físicos como online.