Regularizar a produción, reto das ganderías inscritas en Ternera Gallega

A IXP recomenda ás ganderías inscritas que planifiquen a súa produción para evitar os desequilibrios estacionais que se producen entre a oferta e a demanda da carne certificada. Os produtores deben orientar parte dos nacementos de primavera cara o outono, na procura dun abastecemento regular dos mercados ao longo do ano, que garantiría a saída dos animais e mellores prezos para os gandeiros e gandeiras inscritos.

Desde hai anos, a IXP observa que entre febreiro e maio hai un maior número de tenreiros para sacrificio, coincidindo xusto coa época de menor demanda de carne de vacún por parte dos consumidores. Orixínase así un exceso de oferta que satura o mercado e provoca unha baixada nos prezos. A esta circunstancia sumouse este ano, ademais, a crise da Covid-19 e o consecuente peche da restauración, co que algunhas das pezas destinadas a esta canle atopáronse con dificultades para saír ao mercado. 

En cambio, no verán e no outono, que son os meses de maior demanda de carne, hai menos animais de Ternera Gallega dispoñibles, o que fai que  os prezos melloren, pero carrexa consecuencias negativas coma a perda de mercados pola dificultade para abastecelos.

Para darlle a volta a esta situación, debe lograrse unha produción equilibrada ao longo do ano e a mellor maneira de conseguilo é cunha correcta planificación dos partos. A IXP dá as claves neste artigo, onde explica os aspectos reprodutivos dos animais e as súas necesidades de alimentación. Para calquera consulta a maiores, as ganderías inscritas poden contactar co Consello Regulador nos teléfonos habituais.