O DOG publica o decreto polo que se establece o Catálogo Oficial de Razas Gandeiras Autóctonas

(mediorural.xunta.es 27/07/2011) Con esta norma regúlase tamén o recoñecemento oficial das asociacións de criadores de razas autóctonas que creen ou xestionen libros xenealóxicos e a aprobación dos programas para a súa conservación, mellora e fomento. Este é o instrumento básico para todo o relacionado coa xestión das razas gandeiras autóctonas da nosa Comunidade, desenvolvendo e aplicando así o establecido na normativa estatal.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Consellería do Medio Rural polo que se establece o Catálogo Oficial de Razas Gandeiras Autóctonas de Galicia, se regula o recoñecemento oficial das asociacións de criadores de razas autóctonas de Galicia que creen ou xestionen libros xenealóxicos e a aprobación dos programas para a súa conservación, mellora e fomento.
Trátase do instrumento básico para todo o relacionado coa xestión das razas gandeiras autóctonas da nosa Comunidade, desenvolvendo e aplicando así o establecido polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, de ámbito estatal, polo que se establece o Programa Nacional de conservación, mellora e fomento de razas gandeiras.
O decreto publicado hoxe ten por obxecto establecer o Catálogo Oficial de Razas Gandeiras Autóctonas de Galicia; regular o recoñecemento oficial e rexistro das asociacións de criadores de razas autóctonas de Galicia creen ou xestionen libros xenealóxicos destas razas; establecer as regulamentacións específicas dos libros xenealóxicos das razas autóctonas e regular as súas modificacións e as novas aprobacións; regular a aprobación e modificación dos programas de mellora destas razas e designar o Centro oficial de xenética animal de Galicia.
Con esta norma créase o Consello galego das razas gandeiras autóctonas, como órgano colexiado consultivo en materia de conservación, mellora e fomento de ditas razas. Entre as súas funcións están as de emitir informes sobre as solicitudes de inclusión de novas razas no catálogo oficial e analizar a evolución das razas.
Rexistro de asociacións
O decreto crea tamén o Rexistro de asociacións de criadores de razas gandeiras autóctonas, no que se inscribirán de oficio as asociacións que creen ou xestionen libros xenealóxicos recoñecidas pola dirección xeral con competencias en materia de producións gandeiras.
Canto aos programas de mellora, establécese que a súa execución corresponderá ás asociacións de criadores recoñecidas. Por último, desígnase como centro oficial de xenética en Galicia á empresa pública Xenética Fontao, para efectuar as análises de xenes e os marcadores xenéticos con carácter e validez oficiais no marco do Programa nacional.
O decreto incorpora tres anexos co Catálogo Oficial de Razas Gandeiras Autóctonas Galegas, o Rexistro de asociacións de criadores e a regulamentación específica dos libros xenealóxicos.
Once razas catalogadas
Tal e como establece o anexo I, actualmente son 11 en total as razas gandeiras autóctonas catalogadas: Como especie aviar, a galiña de Mos; como especies bovinas, a rubia galega, a cachena, a caldelá, a frieiresa, a limiá e a vianesa; como especie caprina, a cabra galega; como especie equina, o cabalo de pura raza galega; como especie ovina, a ovella galega e como especie porcina, o porco celta.