O DOG publica unha prórroga para a celebración de eleccións en sete consellos reguladores

(mediorural.xunta.es 15/07/2011) Os consellos reguladores vitivinícolas indicaron que a coincidencia das eleccións co período de vendima suporía para eles atrancos no seu traballo cotiá. A Consellería do Medio Rural determinou ampliar os mandatos por un prazo máximo dun ano. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a prórroga dos mandatos dos órganos de goberno dos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras e das Indicacións Xeográficas Protexidas Pataca de Galicia e Ternera Gallega.
Segundo o establecido na normativa vixente inicialmente, a convocatoria de eleccións debería realizarse entre os meses de maio e xullo deste ano para rematar o proceso entre tres e catro meses máis tarde, mais a realización do proceso nesas datas ocasionaría importantes problemas aos consellos reguladores, segundo eles mesmos indicaron á Consellería do Medio Rural. Os máis afectados pola convocatoria serían os consellos pertencentes ao sector vitivinícola (cinco dos sete implicados), pola coincidencia do proceso electoral co período de vendima, tendo en conta que conforme ao novo estatus xurídico destes organismos o peso da organización das eleccións recae sobre os consellos reguladores e non sobre a Consellería do Medio Rural. Por esta razón, o departamento que dirixe Samuel Juárez determinou unha prórroga dos mandatos dos órganos de goberno dos consellos reguladores destas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Este aprazamento prolongarase ata o día da toma de posesión dos novos
vogais elixidos logo da convocatoria electoral, tendo como máximo unha duración dun ano, aínda que a previsión da consellería é de que a convocatoria se realice xa no último trimestre deste ano.
Prórroga necesaria
Ademais da posible interferencia dos traballos da vendima e mesmo do período de vacacións estival, existen outros motivos que xustifican a prórroga. Entre eles débese destacar que, a día de hoxe, os cinco consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas están a traballar no coñecido como “expediente técnico” para o seu posterior envío á Comisión Europea. Este trámite, que ten como data límite o 31 de decembro de 2011, afecta aos técnicos dos consellos reguladores que se encargarían de colaborar na organización do proceso electoral, polo que resulta conveniente rematar este expediente antes da preparación dos comicios. Pola súa banda, os consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas Pataca de Galicia e Ternera Gallega están inmersos no proceso de modificación dos seus respectivos pregos de condicións (documentos nos que se recolle unha serie de cambios demandados no seu momento polo sector), sendo conveniente que o proceso electoral non coincida cos trámites de adaptación desta documentación remitida á Comisión Europea.