O Consello Asesor de Agader analizou a versión preliminar dos plans de zona

O Consello Asesor de Agader analizou a versión preliminar dos plans de zona, cos que se investirán máis de 170 millóns de euros
(mediorural.xunta.es 29/07/2011) As actuacións a realizar en toda Galicia abarcan dende a dinamización e o apoio aos sectores produtivos ata a mellora dos servizos básicos. Nesta xuntanza do Consello Asesor estiveron presentes, entre outros, representantes das organizacións profesionais agrarias
Reuniuse hoxe o Consello Asesor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) baixo a presidencia do director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo Garcia- Borregón e coa presenza, entre outros, do propio director xeral desta axencia e director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo Iglesias. Na xuntanza explicáronse os pormenores e criterios da Lei 45/2007, de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural e analizouse a versión preliminar dos plans de zona que se desenvolverán no territorio galego en aplicación desta norma, e que suporán para o noso agro un investimento total de máis de 170 millóns de euros.
No encontro de traballo participaron tamén representantes das organizacións profesionais agrarias (Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores); da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp); confrarías de pescadores e do Consello Galego de Consumidores e Usuarios. Ademais de presentar a versión preliminar dos plans de zona, deuse conta do resultado do proceso de participación pública previo á elaboración destes documentos, que tivo lugar nos pasados meses, e analizáronse as actuacións propostas en cada caso e a dotación financeira prevista para levalas a cabo no rural.
A suma das actuacións para Galicia supera os 170 millóns de euros a investir entre 2011 e 2015 nas doce zonas rurais que quedaron definidas no mapa aprobado polo Consello da Xunta en 2010. A maior parte deste investimento será cofinanciado, a partes iguais, entre a propia Xunta de Galicia e a Administración Xeral do Estado. Os fondos distribuiranse entre distintas accións, tales como a dinamización e promoción turística, a mellora das infraestruturas viarias, as actuacións en materia forestal, saneamentos e abastecementos, mellora das dotacións para a terceira idade e en materia de sanidade, entre moitas outras. Ademais, recollese nas versións preliminares dos plans de zona unha pequena dotación para actuacións nos camiños de Santiago que percorren cada área, que está previsto sexan declaradas como “obras de interese xeral” e que serán financiadas integramente polo Estado.
Participación
O Consello Asesor de Agader é un órgano colexiado de consulta, asesoramento e participación das administracións autonómica e local, así como dos axentes socioeconomicos representativos relacionados co medio rural de Galicia. Foi designado pola Xunta de Galicia como ente de participación, información e consulta dos axentes socioeconomicos en aplicación do Programa de desenvolvemento rural sosltible (PDRS 2010-2014).
Ademais do proceso de participación pública, estas versións preliminares están sendo sometidas a exposición pública durante todo o mes de xullo, aproveitando o procedemento derivado da avaliación ambiental e poden analizarse na páxina web de Agader (http://agader.xunta.es/).
Consellos de zona
Nas últimas semanas reuníronse os consellos de zona, órganos consultivos e de participación para dar conta das propostas e analizar a versión preliminar dos plans. Os encontros de traballo tiveron lugar nas doce áreas delimitadas de acordo co enfoque territorial que estable a Lei 45/2007, co obxectivo de cubrir a maior parte do territorio con maior nivel de prioridade. Estas zonas son: Lugo Sur; Depresións ourensás; Costa da Morte; Montaña Lucense; Terras de Santiago; Rías Altas e Arco Ártabro; As Mariñas; Pontevedra Norte; Pontevedra Este e Sur; Miño Central; Lugo Central e Valdeorras.