Juárez defende unha xestión das razas autóctonas
Juárez defende unha xestión das razas autóctonas centrada na produción como mellor xeito de garantir a súa conservación
(mediorural.es 07/09/2011) O conselleiro do Medio Rural inaugurou esta mañá en Lugo o curso “Razas Autóctonas de Galicia e os seus produtos tradicionais” da Universidade de Verán 2011 da USC. A Xunta aposta pola conservación e fomento dos recursos autóctonos de Galicia cos programas de consolidación da raza Rubia Galega e de recuperación e fomento dos recursos zooxenéticos en perigo de extinción
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, defendeu hoxe unha orientación cara á produción da xestión das razas autóctonas de Galicia como a mellor fórmula para garantir a súa conservación dun xeito sostible, xunto co reforzo da comercialización. O titular de Medio Rural inaugurou esta mañá en Lugo o curso “Razas Autóctonas de Galicia e os seus produtos tradicionais” da Universidade de Verán 2011 da USC.
Neste acto, que tivo lugar na sede do Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural (Ibader), situado no Campus Universitario da cidade das Murallas, Juárez lembrou que a Xunta aposta pola conservación e fomento dos recursos autóctonos de Galicia, a través de dúas grandes liñas de traballo: Por un lado, o programa de consolidación da raza Rubia Galega e, por outro, o de recuperación, conservación e fomento dos recursos zooxenéticos autóctonos en perigo de extinción, desenvolvido fundamentalmente en torno ao Centro de Recursos Zooxenéticos de Fontefiz (Ourense).
En relación con ambos programas, o conselleiro do Medio Rural avogou por centrar a xestión destes recursos desde o punto de vista de aproveitar e rendibilizar ao máximo as súas producións (sobre todo a súa riqueza cárnica), para facer posible así a súa conservación e a súa continuidade no futuro, dunha maneira sostible.
Razas
Por parte de Medio Rural son obxecto de actuación as razas bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa e Rubia Galega; a ovella galega; a cabra galega; o porco celta; a galiña de Mos, o cabalo de Pura Raza Galega e o cabalo galego de monte de aptitude cárnica.
No que atinxe aos recursos zooxenéticos en perigo de extinción, as tarefas acometidas ata o momento tradúcense nun incremento apreciable dos censos de Galiña de Mos e de Porco Celta, así coma o mantemento das demais especies. As claves do traballo pasan por atopar nichos de mercado onde colocar comercialmente as súas producións. Neste senso, Juárez destacou que as perspectivas actuais de porco celta e galiña de Mos son boas, e a próxima publicación, por parte de Medio Rural, dos decretos de porcino extensivo e avicultura artesanal deberían dar o impulso definitivo a estas producións.
Rubia Galega
No caso particular da Raza Rubia Galega, o conselleiro felicitouse porque o estatus comercial do indicativo Ternera Galega é un factor que invita ao optimismo. Non obstante, engadiu que os datos conxunturais da raza revelan unha situación mellorable. A día de hoxe, en Galicia contamos aproximadamente con 30.000 explotacións de aptitude cárnica, que suman un total de 225.000 reprodutoras. Sen embargo, no Libro xenealóxico da raza Rubia Galega só están rexistradas unhas 2.800 explotacións con 30.000 reprodutoras; é dicir, só un 9% das explotacións e o 13% das vacas galegas de carne están na órbita do Libro xenealóxico da Rubia Galega.
A partir deste datos, Samuel Juárez insistiu en que cómpre abondar na mellora da raza, buscando a selección en facilidade de parto, índices de conversión ou conformación das canais, sen perder as características de identidade da propia raza. Engadiu que Medio Rural está a instar á asociación Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga) a que proceda á revisión do programa de mellora, especialmente en canto aos procedementos de selección, que teñen que ser transparentes, rigorosos e perfectamente auditables.
Axudas
O conselleiro destacou tamén as liñas de axudas que xestiona Medio Rural tanto para a conservación e fomento dos recursos zooxenéticos autóctonos como das razas galegas de protección especial en perigo de extinción, así como as destinadas ao fomento de sistemas de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos.
No caso das axudas para xestión de recursos zooxenéticos, o investimento previsto para o período 2010-2013 sitúase en torno aos 4 millóns de euros. Para as destinadas ás razas de protección especial o orzamento rolda o medio millón de euros para este exercicio e, no caso das referidas a réximes extensivos, as axudas benefician a unhas 1.000 explotacións galegas, que reciben un total anual de 1,2 millóns de euros aproximadamente.
Programa do curso
O programa desta acción formativa inclúe relatorios sobre as estratexias de produción, promoción e comercialización dos diferentes produtos das razas autóctonas galegas, a calidade, a trazabilidade xenética na gandería e nos seus produtos ou o benestar animal. Tamén haberá achegas da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e da Asociación de criadores de Porco Celta (Asoporcel) en relación coa produción e as normas de calidade no sector. O curso desenvolverase ao longo de 30 horas lectivas, e rematará cunha visita dos participantes ao Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, en Fontefiz (Ourense).
.