Termera Gallega crece un 6% durante o ano 2011
A IXP certificou ata agosto 52.791canais e 11.348 Tm de carne, que supoñen un crecemento do 6%, e tamén que os gandeiros e consumidores seguen apostando por Ternera Gallega a pesar da conxuntura económica actual.
A Denominación propón a planificación da produción para conseguir unha melloría xeralizada dos prezos no campo e a redución dos custos de alimentación para incrementar a rendibilidade das explotacións.
Durante os primeiros oito meses deste ano, as canais certificadas polo Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega aumentaron un 6%. Ata o 31 de agosto de 2011, certificáronse 52.791 canais, que significaron 11.348 tm. de carne comercializada baixo o amparo de Ternera Gallega. “Estas cifras confirman con rotundidade o crecemento moderado que xa se producira durante o ano 2010 e fan que as expectativas da IXP para o ano en curso sexan excelentes”, segundo declaracións do presidente da Denominación, Jesús González Vázquez.
Así mesmo, o número de explotacións e de tenreiros identificados tamén están por riba das cifras dos anos anteriores, superando lixeiramente as 7.300 gandarías e as 77.500 cabezas, o que supón un crecemento do 3% e que os gandeiros galegos seguen apostando pola IXP, a pesar da conxuntura sectorial e do contexto evolutivo á baixa no que se desenvolve actualmente o medio rural.
A evolución das cifras de actividade da Denominación durante o que vai de ano 2011 hai que valoralas na súa xusta medida e coa importancia que lle corresponde, xa que, a pesar da crise económica que azota a España, o consumo de carne de calidade e coas garantías que ofrece a IXP non se resinte, senón que mantén unha liña crecente acentuada, baseada principalmente no apoio e a confianza dos consumidores en Ternera Gallega, e tamén na maior demanda xerada pola ampliación da cobertura xeográfica e do número de establecementos que comercializan Ternera Gallega, que xa superan os 1.200 e fan que sexa a IXP de referencia en toda España no sector de vacún de carne.
Planificación da produción
Como consecuencia da análise dos datos de actividade é necesario facer fincapé no aumento da demanda, que se acentuou principalmente nos meses de verán, cunha significativa melloría dos prezos en orixe. Para atender este aumento da demanda é necesario producir máis e, sobre todo, planificar a produción no marco de Ternera Gallega, mediante o axeitado manexo dos rabaños e a programación dos partos. Hai que orientar parte da parideira de primaveira cara aos meses de outono, para que os xatos nacidos nesa época do ano se ceben e poidan saír ao mercado nos meses de máis demanda e con mellores prezos, de xuño a setembro seguintes.
Non cabe dúbida de que se se consigue unha produción máis regular e constante ao longo do ano é factible atender axeitadamente o mercado, o que se traduciría nunha mellora xeralizada dos prezos en campo, que xunto co aproveitamento dos recursos propios e o abaratamento da alimentación dos xatos, deben permitir o incremento da rendibilidade das explotacións, e, polo tanto, favorecer a súa continuidade e a fixación de poboación no rural.
Unha oportunidade de futuro
Así mesmo, os datos de actividade da IXP Ternera Gallega nos primeiros oito meses deste ano indican manifestamente o camiño a seguir. O sector non necesita aventuras arriscadas, nin proxectos especulativos ou iniciativas sen sentido común. O único que necesita o sector é avanzar unido, profesionalizarse e afrontar o futuro apostando pola calidade e o control da carne certificada, para poder seguir ofrecendo as máximas garantías aos consumidores e aproveitar as novas oportunidades de mercado.
Nesa liña, “unha vez máis podemos asegurar que Galicia ten unha oportunidade real de liderar o sector de vacún de carne de calidade en España”, manifestou o presidente da IXP Ternera Gallega.