A marca “Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega” sae ao mercado

A posta en marcha desta marca supón a culminación do convenio de colaboración asinado entre a Indicación Xeográfica Protexida e a Asociación racial.
Froito do compromiso coa defensa e fomento do sector de vacún de carne de calidade en Galicia, tanto desde o punto de vista da potenciación da raza Rubia Galega como da mellora da súa comercialización no marco da IXP Ternera Gallega.
Un novo marchamo de carne de vacún de calidade sae hoxe ao mercado. Trátase da marca “Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Gallega” que nace como froito do convenio de colaboración que asinaron a finais do mes de novembro de 2010 a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA).
Un acordo que ten como principal obxectivo unir forzas entre ambas entidades para desenvolver e fomentar os sistemas de produción de carne en explotacións tradicionais con vacas nais, que son a base da categoría Ternera Gallega Suprema, así como para potenciar a raza Rubia Galega e mellorar a súa comercialización, poñendo en valor o carácter específico  diferenciador da xenética desta raza, debidamente acreditada por Acruga.
O acto de presentación da marca “Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Gallega”  celebrouse hoxe pola mañá no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e estivo presidido polo conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, Samuel Juárez Casado. Contou ademais coa presenza, entre outros, do presidente da IXP Ternera Gallega, Jesús González Vázquez; do presidente de Acruga, César Dorado Pin; do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; de directivos de Caixa Rural, de técnicos do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino e da Consellería do Medio rural, de membros do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega e da Xunta Directiva de Acruga, e demais representantes de organizacións profesionais agrarias, cooperativas, industrias, comerciais e cadeas de distribución, profesionais e outros técnicos do sector gandeiro.
Trala firma do convenio de colaboración en novembro de 2010, tiveron lugar varias reunións de traballo entre as dúas entidades que desembocaron na realización dos oportunos controis sobre a orixe, o manexo, o estado sanitario, a alimentación dos tenreiros e as comprobacións raciais durante os meses posteriores, para poder comercializar con este marchamo todos aqueles tenreiros, machos ou femias, nados e criados en Galicia. Polo tanto, baixo a marca  “Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Gallega”, só se poderá comercializar a carne de calidade procedente de tenreiros das explotacións gandeiras  inscritas  no Consello Regulador da IXP, que superasen todos os controis que establece o Regulamento da Denominación, e que estean inscritos no Rexistro de nacementos do libro xenealóxico da raza Rubia Galega ou que reúnan as características do estándar racial, segundo valoración dos técnicos de Acruga. 
A dimensión que pode acadar a marca “Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Gallega” vai depender principalmente da súa evolución no mercado. Nestes primeiros meses, a previsión de saída de gando vai estar arredor das 300-400 cabezas mensuais, pero con potencialidade para aumentar progresivamente no futuro ata superar as 2.000 canais cada mes.
Compromiso global co sector do vacún de carne
Tanto a IXP Ternera Gallega como Acruga consideran fundamental a colaboración entre as dúas entidades, así como coas demais asociacións, cooperativas e organizacións con intereses e competencias en relación co sector de vacún de carne de calidade, para o desenvolvemento dun programa de difusión e fomento da raza Rubia Galega e a súa promoción e potenciación no conxunto do sector agrogandeiro en Galicia.
Tal e como se asinou no seu día, é un acordo con presente e para o futuro, xa que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro de 2011 e terá unha duración de 25 anos. Para garantir o cumprimento deste convenio de colaboración creouse un comité técnico de seguimento que prestará especial atención a aquelas cuestións que no seu desenvolvemento poidan xurdir, así como a difusión e evolución da marca “Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Gallega” no mercado. Cada ano terán lugar as correspondentes reunións do comité técnico e cada cinco anos realizarase unha avaliación xeral dos resultados acadados e da súa repercusión no sector gandeiro.
ACRUGA, conservación e mellora da Raza Rubia Galega
Acruga é unha entidade recoñecida polas Administracións públicas, que se encarga da defensa, fomento e potenciación da raza Rubia Galega, así como da súa selección e mellora xenética e da xestión do Libro Xenealóxico da citada raza. A súa sede está en Lugo e na actualidade conta con 2.780 gandeiros socios. No Libro Xenealóxico da raza Rubia Galega están inscritas 63.000 cabezas, das cales aproximadamente 35.000 son femias reprodutoras.
Ternera Gallega, máxima dignificación do vacún de carne de calidade
A IXP Ternera Gallega é unha entidade inscrita nos rexistros da Unión Europea como IXP, recoñecida como corporación de dereito público, que ten personalidade xurídica propia, e cuxas funcións son o control integral, a certificación e a promoción da carne de calidade procedente dos tenreiros nacidos, criados e sacrificados en Galicia, de acordo co establecido no seu Regulamento e no seu Manual de calidade. Na actualidade, a Denominación conta con  7.200 explotacións gandeiras inscritas onde se identifican máis de 105.000 tenreiros ao ano. Nas 73 industrias rexistradas certifícanse preto de 76.000 canais, que significan máis de 16.000 toneladas de carne, cun valor en primeira venda próximo aos 85 millóns de euros. A carne certificada por Ternera Gallega comercialízase en 1.200 establecementos de venda espallados por toda España, significando aproximadamente o 50% do consumo total de carne con IXP.