Juárez insta ao Goberno central a que defenda o presuposto da PAC
Juárez insta ao Goberno central a que defenda ante a Unión Europea que non se conxele o presuposto da PAC
(mediorural.xunta.es 05/10/2011) Así o formulou o conselleiro na xuntanza de comunidades autónomas co Marm que se celebrou esta mañá na sede do Ministerio en Madrid. O conselleiro reclamoulle ao Ministerio un estudo do impacto das reformas que se están a propoñer en Bruxelas sobre a agricultura e a gandería.
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, instou ao Goberno Central a que defenda ante a Unión Europea que non se conxele o presuposto da PAC (Política Agraria Común). Neste sentido, indicou que o mesmo que reclamar que se opoñan á redución do seu orzamento nun 11%. Juárez formulou esta demanda na xuntanza de comunidades autónomas co Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (Marm), que se celebrou esta mañá en Madrid e na que se abordaron as perspectivas da PAC.
Segundo explicou Samuel Juárez, as propostas do presidente da Comisión en relación ao presuposto supoñen que, basicamente, a PAC se conxele no nivel de 2013 a 2020. Esta inmobilización representa na práctica un 11% de redución no presuposto, ao non actualizarse de acordo coa inflación de cada ano. Deste xeito, tal e como está esbozado na PAC, o presuposto pasaría de significar o 39% do orzamento comunitario a simbolizar o 33% ao final do período, en 2020.
Neste marco, o titular do Medio Rural puxo sobre a mesa a relevancia da PAC para Galicia, onde reciben pagos desta procedencia 42.000 explotacións. Arredor de 170 millóns destes pagos corresponden a FEAGA (Fondo Español de Garantía Agraria) e outros 130 millóns, aproximadamente, corresponden a FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural), xestionados pola Consellería do Medio Rural. “En conxunto isto é un fluxo de financiamento moi importante para as explotacións”, apostilou Juárez.
Esixencias negativas para Galicia
Asemade, o conselleiro referiuse a unha serie de regulamentos que a Comisión ten que presentar proximamente, sobre os que hai versións circulando. Sinalou que aínda non son definitivas ata que os aprobe de forma oficial o Colexio de comisarios. Pero -engadiu-, os borradores permiten ver por onde van as propostas da Comisión a través deses regulamentos, que resultan “preocupantes” en algunhas cuestións, que apuntan un aumento das esixencias a agricultores e gandeiros para poder cobrar a PAC.
En relación a eses requirimentos, Juárez comentou que se formulan algunhas obrigas son difíciles de cumprir, sobre todo en materia medioambiental. Por exemplo, esixen que se realice unha diversificación dos cultivos, e así un agricultor que dedica máis do 70% a un cultivo único non podería cobrar a axuda da PAC. O conselleiro do Medio Rural remarcou que isto é especialmente negativo en Galicia, xa que hai moitos agricultores que se dedican a un único cultivo. Polo tanto, advertiu que se estes requisitos se establecen van a producir un cambio na estrutura de pagos, que terá unha repercusión importante para os agricultores galegos.
Para concluír, Juárez evidenciou que se bota de menos que o Ministerio realice estudos de impacto, unha demanda que desde a Consellería do Medio Rural se ven realizando de forma reiterada. Sinalou que, sobre todo neste momento, no que hai borradores de regulamentos, é necesario avaliar como vai impactar esta reforma nas distintas comunidades, así como nos distintos cultivos e producións afectados. Neste sentido, o conselleiro tamén se amosou crítico coa actitude do Ministerio, que desde marzo non convoca unha xuntanza, para afondar nestas cuestións esenciais para o sector agrícola e gandeiro.