A Comisión Permanente do Consello Agrario analiza novos borradores de decreto de interese para o sec

A Comisión Permanente do Consello Agrario analiza novos borradores de decreto de interese para o sector
(mediorural.xunta.es 07/10/2011) O secretario xeral da Consellería do Medio Rural foi o encargado de presidir a Comisión. Entre os proxectos analizados está un decreto que regulará a utilización de lodos de depuradora no sector agrario e outro polo que se crea o rexistro xeral de explotadores dedicados ao transporte de subprodutos animais e produtos derivados non destinados ao consumo agrario.
O secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Jorge Atán Castro, presidiu esta mañá a Comisión Permanente do Consello Agrario Galego, na que os membros da xuntanza de carácter técnico analizaron e debateron diferentes proxectos para a mellora do medio rural galego.
Nesta Comisión de traballo analizáronse varios borradores que se verán materializados, tralos informes correspondentes, en decretos. Entre eles destaca o proxecto polo que se regula a utilización de lodos de depuradora no ámbito do sector agrario da Comunidade Autónoma de Galicia, que ten como obxectivo principal protexer o medio ambiente e, en particular, os solos. Na utilización destes lodos, cumpre establecer os principios que deben presidir as normativas nacionais sobre dito tema, e buscar un equilibrio entre os distintos destinos de lodos e, en particular, o da súa aplicación en agricultura.
Nesta xuntanza tamén se analizou o borrador polo que se crea o rexistro xeral de explotadores dedicados ao transporte de subprodutos animais e produtos derivados non destinados ao consumo agrario, co obxectivo de constituír nun corpo regulamentario único as normas sanitarias en Galicia e, polo tanto, suprimir aquelas que pola súa maior rixidez puideran ocasionar unha perda da competitividade dos explotadores galegos.
Na orde do día tratouse, tamén, o decreto polo que se modifica o Decreto 57/2010, do 8 de abril, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada.
Consello Agrario
O Consello Agrario Galego e un órgano de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Administración Galega en materia agraria e de desenvolvemento rural, no que están integrados, ademais dos responsables de diversos departamentos da Xunta, as organizacións agrarias máis representativas.